Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/02/16

El bar de las grandes esperanzas

 Tiña mercado este libro dende que vin a Marcos Calveiro recomendalo no seu Facebook. Pero pasou o que tantas veces: foi quedando por debaixo doutros que foron chegando. Pero, por fin, decidín que lle tocaba. E ben que fixen!
 El bar de las grandes esperanzas, de J.R. Moehringer está publicado por Duomo. Un libro de memorias onde unha voz adulta remememora a súa infancia, o seu paso desta a unha etapa que se supón que debe ser madura e non o é tanto. Ou si. A madurez. Pero estas memorias teñen moito de particular, de aí o seu valor: a estrada que nos traza o protagonista vén marcada pola ausencia da figura paterna, e esta ausencia de masculinidade familiar será procurada nun bar, o "Dickens", ou o "Publicans". Topará esa esencia entre os homes que son asiduos a ese lugar e que se converterán nos seus camaradas de borracheira? O libro xira arredor das relacións familiartes, pero tamén das lealdades, dos sacrificios, das ausencias. Non lle será fácil medrar a este neno que se busca a si mesmo e que busca unha orde no universo.
A lectura desprende cariño, tenrura, lembranza. Fala de libros e de música. Fala de sentimentos. Fala de familia e de amor familiar. Fala de loucura adolescente. A aprendizaxe da vida que supura cada páxina para que o lectorado goce, sinta, ría e chore coas súas palabras. Porque a sensibilidade do libro está ata no tacto.
Magnífico!


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.