Fabio Bartolomei é o autor de Somos una familia, publicada por Tusquets. Unha novela de humor que aínda que non provoca grandes gargalladas si non renuncia a que o lectorado teña o libro entre as mans cun sorriso permanente; e iso que ao mesmo tempo tamén hai grandes desastres, polo que poderiamos falar de traxicomedia, aínda que tal como está contada, xa digo, o que provoca é un estado anímico de perpetua ledicia, sobria, iso si.
Acompañamos ao protagonista, un neno prodixio que vai medrando no seu propio mundo, por un periplo vital que ten como eixo principal a procura dunha casa familiar, algo que semella empresa case imposible debido ás penurias económicas polas que pasan. Pero el tentará ir zafando como pode e como a súa extraordinaria imaxinación o guía. Porque ademais, el ten unha misión na vida: a de salvar o mundo. Pero, claro está, primeiro ten que deducir como o pode facer e como funciona o mundo, e iso é algo ben complicado de seu. De aí que teñamos tantos momentos cómicos pero non exentos de tenrura e dozura.
E esta extraordinaria intelixencia terá que adaptarse a vivir nun mundo real máis mediocre.
E ata aquí podemos chegar.
Moi recomendable.
Sen comentarios
Publicar un comentario