Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/07/16

Un mal nombre

Segunda entrega da saga Dos amigas de Elena Ferrante publicada por Lumen que me ten atada ao sofá; Un mal nombre conta a vida destas dúas mozas no seu paso pola adolescencia e xuventude; atopamos a Lila infelizmente casada pero rica, e a Leu cursando uns estudos que a afastan do seu barrio para facela culta e capaz de escribir unha novela de éxito. Esta parte é moi interesante, ese interese por saír dun barrio extremadamente pobre e inculto que consegue que unha das protagonistas non atope o seu lugar no mundo, criada como está nunha situación tan afastada daquela que os libros lle permiten coñecer. Dende o meu punto de vista, esta situación é moi interesante, porque quere demostrar que a cultura, e a educación son as bases únicas para loitar contra a sociedade incivil e clasista que coñecemos. Pero conseguirao? Porque no fondo da novela está o intento de saír da pobreza, a loita de clases, a persistencia dun barrio marxinal do que hai que saír si ou si.
E segue a ser unha novela coral na que todos os personaxes, incluído a cidade de Nápoles é ben interesante. Todos e cada un deles resulta importante no desenvolvemento dunha trama na que a intelixencia e a actitude de Lila arrasa con todo e contra todos. Tamén o amor, o sexo, como partes integradoras dunha sociedade que oculta aquilo que é mellor non ver pero que existe dende sempre. O amor é nesta parte un eixo vertebrado arredor un mesmo home.
Por suposto, a amizade destas dúas mozas, como fío condutor de toda a trama, mantén ao lectorado pegado ao libro. As contradicións da súa relación, o amor-odio, a intolerancia dos seus respectivos destinos, é un dos temas máis atraentes do libro que lembra outras novelas que teñen falado deste tema con gran mestría. A vida das dúas tomas rumbos moi diferentes, pero o fío que as une non chegará a rachar xamais. Claro está, é o fío condutor desta saga que iniciamos nunha primeira entrega cando xa a narradora nos falou desta amizade que perdura dende a infancia. Unha amizade dende a que parten por camiños diferentes, o intelectual e o material. Son estes incompatibles?
Recoñezo que rematei este segundo libro e vinme impulsada a ir polo terceiro, xa que a autora, moi intelixentemente, abre a porta de tal xeito que inevitablemente ten que suceder así. De feito, xa o estou rematando. Teño vida desta xente na cabeza, dando voltas ao meu arredor porque apoderáronse de min. Aínda tendo presente que en toda a saga hai algúns parágrafos un pouco pesados sobre as opinións de cada un.

1 comentario:

Elvira M. dixo...

Sigo os comentarios da Tetraloxía.Si,coincido.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.