Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/09/16

Camiños na auga

Directamente ao sufrimento lévanos Manuel Núñez Singala en Camiños na auga publicado por Galaxia. Falamos de dobre sufrimento, o da supervivencia por ser diferente e o da supervivencia por nacer nun lugar no que ata comer resulta difícil. Por que ser diferente? Porque o noso protagonista é un albino negro, con toda a carga de prexuízos que iso arrastra, ou sexa, é un "dili", un obxecto de negocio para prácticas rituais; logo falamos de África e falamos de emigración na procura dun mundo mellor, de existir este. Así que estamos ante unha novela que emociona e conmociona, ante un protagonista valente que sofre todo tipo de escarnios e que saber facerse fronte ante á adversidade, que medra no seu interior e no exterior ante os nosos ollos e que aprende a recoñecer mesmo que nun mundo enchido de maldade hai oco para a bondade e o agradecemento. Arredor deste personaxe vivimos un periplo africano ben documentado que nos abre as portas á diversidade cultural e social dese continente e á emigración. Núñez Singala sabe escribir, e demóstrao nesta novela que é quen de nos estremecer e conmover, aínda que ás veces -poucas- ese narrador omnisciente non me acaba de convencer polo seu didatismo agochado.
Un pracer que a nosa Literatura nos leve de viaxe polas selvas do Tanganica, do Lukuga, do Lualaba e do Congo; a novela divídese en nomes propios, debuxándonos un mapa que nos acompañará durante toda a lectura, nunha exploración dun mundo sorprendente. Pero sobre todo é importante que a cor do pel "ao revés" sexa a verdadeira protagonista da novela. Sempre as diferenzas, sempre os prexuízos. Pero tamén a amizade como eixo que sostén na soidade a anguria.
Camiños na auga é o camiño na lectura, a limpeza das dúas, a sensibilidade que nos envolve e acariña, como gotas de auga despois da calor de verán. E o compromiso que permanecerá en nós, logo de rematala. Porque a auga non se detén. E con ela os pensamentos seguen fluíndo.





Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.