Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/10/16

Rivas namorounos

Vale, comigo non o tiña difícil, porque xa o estaba (aquí vese ben claro)



 pero podo asegurar que Rivas namorou o meu alumnado e a todo o claustro que pasou nalgún momento polo Salón de Actos do IES Laxeiro, que agora xa é o Salón de Actos Manuel Rivas.


Non adoito traer ata aquí as actividades que realizamos no centro, posto que xa as colgo no blogue da biblioteca, e non me gusta repetirme. Pero hai datas especiais, que me marcan dun xeito indeleble, e que quero traer ata este meu espazo persoal porque forman parte da miña propia esencia. Hai un ano falábavos do acto inaugural con Ángel Carracedo, ese científico humilde e xenio galego que nos conquistou coa súa presenza. Hoxe, un ano despois, traio nas miñas mans a pegada de Manuel Rivas.


Foi unha semana sen durmir. Xa sabedes, os meus nervios, as ocorrencias de última hora, as ideas que pouco a pouco van collendo forma e sentido... Este curso teño un equipo de biblioteca envexable e o traballo tornou maleable en moitas mans. Sen Pilar, Cruz, Noche, Emilia, Xabier, Mar, Elsa... isto sería moito máis difícil. Por iso quero darlles as grazas, polo apoio incondicional, polos risos picarescos das tres Marías e o latín de Noche, polas propostas, polas comidas sen nervios e a miña histeria, pola convivencia. Por esas horas que me aturan e que me apoian, polas burradas que asustan a quen nos oia, polo clima de amizade creado...

 (ás 10 da noite e de esmorga)

Transformamos o patio do centro. Así, literalmente. As nosas artistas Mar e Elsa deron o seu toque persoal e logo realizamos unha especie de performance cos seus libros. Estaba irrecoñecible!





Por suposto, a música, a voz de Tamara... un ano máis, a miña emoción contida por ver que todo transcorría ben, que o traballo daba o seu froito. Pero o abalo máis grande é estar a carón de Manolo Rivas, vibrar coas súas palabras... e sabelo emocionado e agradecido. El xa me recalcara que non era amigo de grandes recoñecementos, da "doazón do seu ego ao Chuac", e é por iso que o apreciamos máis, pola súa humildade, un valor de todo imprescendible e tantas veces esquecido...


Rivas falounos e contounos. Falounos de anécdotas por el vividas como xornalista e na súa vida persoal ("busca un traballo no que non te molles", berroulle a súa nai cando era pequeno, farta desa vida escrava do seu home albanel) e contounos contos que nos fixeron rir e pensar. Explicou o poder da Literatura, da palabra, da necesidade do ser humano de contar, de deixar constancia do seu maxín, de explorar a pegada do medo tentando escorrentalo coa invención de historias, de nomear os lugares ("esta Galicia que nomea cada con, cada recuncho, cada fonte e que ten máis topónimos que calquera outro lugar do mundo") e engaiolounos. O silencio mudo dun alumnado orgulloso de telo no noso centro, un pequeno instituto do rural que medra con cada visita e que dende agora pasará cada día diante dunha porta que campa co nome de Manuel Rivas.


Esta, foi outra noite sen durmir, repasando cada detalle, vibrando coa emoción de telo ao noso carón. Que viñese onte ao Laxeiro, que pasase todas esas horas connosco, foi un soño cumprido dende hai anos. Pero o mellor dese soño foi descubrir que Rivas é un home, non un escritor afamado, que Rivas sabe agradecer os agasallos do alumnado dándolles o valor por seren rapaces e rapazas, que Rivas emociónase e agradece. Coido que este xesto di moito del:



Si, namoramos de Rivas. Sería imposible ou impensable o contrario. Pero ademais de Rivas, eu estou namorada do meu alumnado, un alumnado responsable que sabe agradecer e respectar, que admira un xenio e que lembrará este día como un dos mellores da súa etapa educativa. Que estivo atento a cada palabra e que me escribe agradecendo a oportunidade, como vén de facer agora mesmo Carla.

Grazas.

Aquí, as tres Marías. Son moi afortunada por telas este curso comigo.



Todas as fotos aquí.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.