Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/11/16

Unha última carta

Cando o servizo de Correos Kalandraka manda Unha última carta, o primeiro que fas é abrila, aínda que non coñezas aos remitentes. Logo de lela, unha desexa presentarse para felicitalos. Porque Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzl mandan unha carta tenra e fermosa que resulta inesquecible. O texto transpórtanos a unha pequena illa do Mediterráneo cun único protagonista: o traballo eficiente dun carteiro que sabe transmitir as malas e as boas novas, e serve de intérprete daquelas para quen non sabe ler. Pero agora toca xubilarse e o último día de traballo deberá ser impecable, aínda que semella non ser doado. As ilustracións son moi orixinais, de collage e con siluetas. Ata semella levarnos por planos cinematográficos para achegarnos ao centro de atención que se require, sempre en tons ocres, azuis e brancos como simboloxía do texto que estamos a ler. 
Ambos, texto e ilustración conseguen un acabado refinado, que permite unha bágoa de emoción ao pechar esta última carta que nos transporta a un tempo case esquecido de comunicación.
Realmente fermoso.
IX Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados.
Hoxe foi a presentación, e alí estiven eu!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.