Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/01/17

O neno inverno

Adoita escribir María Canosa con sensibilidade e dozura e vólveo lograr con este libro que vén de publicar a editorial Galaxia na súa colección Árbore: O neno inverno fala de acoso escolar ou bullying, fala de respecto ás diferenzas e fala de maxia e amizade, ambas tan importantes no noso devir cotián. Un neno albino, acostumado a todo tipo de chanzas pola súa condición "diferente" é o personaxe principal xunto cunha moza afouta, protagonizando unha historia máxica de amizade e pluralidade, tan necesaria no respecto nesta nosa sociedade que vive un retroceso a paso axigantado de dereitos e convivencias; unha historia onde a natureza tamén ten moito que dicir, lembrándonos que tamén a ela lle debemos o que somos. Asemade, unha vez máis, a autora rende tributo a un espazo máxico que eu adoro: a biblioteca escolar, un lugar de refuxio de maxia que sacia calquera anceio de saber.
Igualdade e maxia a un tempo, será quizais porque arestora deberemos recorrer a esta para alcanzar a aquela. Un fermoso libro de superación.
Ilustrado por María Lires.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.