SEN NOME
Aínda non sei moi ben cal é o tempo
do corazón, nin se todo o que importa
nace dese tempo. É o pasado, e por iso
o que conta rompe cando deixamos
de lembralo? Ou é o futuro, e por iso
todas as cousas que o corazón estima
morren cando as deixamos de soñar?
Quen sabe. Se é certo que o presente
non existe, hai forzas invisibles que actúan
e que moi lentamente podemos coñecer.
As palabras dependen demasiado unhas
das outras e ao cabo nunca din
o que queren dicir. Está no seu dereito
quen te avise: “se non queres mancarte
sé prudente”, e tamén quen che advirta:
“que pensas, insensato, que lembrarás
xusto antes de morrer?” Quizais non
a túa casa, senón máis ben o vértigo de
todos os instantes nos que aínda
non lle puxeras nome ao que te consumía
e cruzabas a nado as sensacións ardentes
como se fosen océanos de lava.
Hai santos que van ao deserto para loitar
co demo e hai demos que saben cousas
que os santos descoñecen. É verdade:
a miúdo hai que elixir pero a vida nunca é
o simple resultado daquilo que eliximos,
nin as súas veas se abren nin o seu sangue
nos limpa cando nós decidimos descansar.
A alegría da vida é unha forza salvaxe
e non feliz. Vémola despregarse nese alento
sen nome, niso que non sabemos nomear.
María do Cebreiro
Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
11/03/17
Sempre hai un lugar para a poesía (CXLIV)
Atoparalo en Poesía
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Sen comentarios
Publicar un comentario