Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/04/17

Agni e a chuvia

Dora Sales describe en Agni e a chuvia a difícil vida nos barrios pobres da India, coas ilustracións de Enrique Flores o libro está publicado por kalandraka na nosa lingua. Si, estamos a ler unha historia triste pero real, a que viven a día de hoxe millóns de nenos e nenas que non teñen dereito a ir á escola, que teñen que erguerse moi cedo para ir traballar e axudar no sustento familiar, que é ben escaso. Porén, a historia non está contada dende a melancolía, senón dende o optimismo, dende a esperanza de poder ir mudando pouco a pouco a sociedade tan inxusta que mantemos. Por iso este é un libro necesario, porque os nosos nenos e nenas deben coñecer que existen outras realidades tan diferentes á que eles e elas viven e que non dan valor ao que teñen. Detrás desta historia temos a reivindicación necesario dos dereitos humanos para a infancia. E por eses dereitos debemos loitar.
Un libro que fala do día a día dun neno que olla o futuro con esperanza, un neno que non sabe ler, pero que é espelido e sabe situar xeograficamente ese mundo que quere percorrer. Un neno que non ten auga na súa casoupa e debe ir por ela, un neno que traballa arreo o día enteiro, pero aínda lle quedan folgos para xogar ao fútbol, un neno que sabe que a pobreza é invisible porque así non se fala dela.
Un libro necesario? Non, o seguinte.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.