Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/04/17

As Irmandades da Fala

Pepe Carreiro achéganos dun xeito lúdico á nosa Historia, como xa fixo en anteriores ocasións. Desta volta agasállanos a historia d' As Irmandades da Fala, no meso formato e na mesma editorial, Baía. Non pode haber mellor maneira de aprender que con estes libriños tan xeitosos, que con texto e viñeta profundan nun momento tan importante para nós como foi o primeiro terzo do século XX, ese que se veu truncado por unha guerra inxusta que nos quitou tanto conseguido. O autor analiza e peneira o máis relevante do movemento, tanto do contexto no que se sitou como o nacemento e a súa posterior evolución para nos mastigalo con esa dose de humor que o caracteriza; humor e ironía, ou sexa, a nosa retranca que vén xa dada no subtítulo: “Nin provicialismo, nin rexionalismo, nin galeguismo: nacionalismo!”. 
Unha vez máis, por tanto, acerta Pepe Carreiro con este tipo de libros que ofrecen honestidade histórica, humor, ilustración e atractiva síntese. Saberemos un pouco máis de quen somos grazas a el.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.