Non me gustou tanto como pensaba este libro de Antonio Orejudo titulado Los cinco y yo publicado por Tusquets. A priori, contaba con moito en común coa lectura, xa que eu son da mesma década dos 60 e eu tamén fun lectora da serie "Los Cinco", pero esa serie non foi tan importante para min como se presupón no narrador da novela, posto que a miña serie de libros de cabeceira, que lin e relín mil veces, era dunha nena chamada "Puck" e as súas aventuras; así que si, lía as aventuras dos Cinco, lia todos os libros que daquela caían nas nosas mans (que diferenza coa oferta que teñen agora!), pero non eran os meus libros fetiche.
Así que, xa digo, achegueime con curiosidade a este libro porque sabía que ía topar moito de min mesma nas súas páxinas. E certo é. Hai moitas referencias que, a pesar de ter nado nunha vila pequerrecha, son iguais, mesmo a devastación que causou a droga ao meu arredor. Tamén me fixo lembrar ese xeito de nos criar nas rúas, que non semellaban perigosas coma agora (en Lalín había un par de rúas e tres coches).
Como dicía, estaba a ser unha lectura interesante, amena, gustaba desa amizade tan importante para o narrador, cando chega un momento en que entrei de cheo nun libro de autoficción (... ou non?) que mesmo me aburre, xa que a novela After Five,
coa vida dos Cinco unha vez superada a adolescencia, non me di nada. Non sei, semella un nobelo que dá voltas todo o tempo ao mesmo, infancia e paso á madurez.
O mellor, é o exercicio ao que nos somete o autor, ese tentar separar realidade de ficción, ou ficción de metaficción, un xogo difícil que fai do autor un bo artesán das letras.
Sen comentarios
Publicar un comentario