Emma Pedreira constrúe en Bibliópatas e fobólogos publicado por Galaxia, un monllo de relatos (?) dos que é difícil escapar se amas os libros ou a lectura. Retranca, esta é a palabra que define a maior parte dos relatos, pero tamén hai un montón de frases que paga a pena recordar; frases que enchen relatos para ler a calquera hora, frases que constitúen unha homenaxe a palabra, esa que fornece a lingua, a nosa lingua, esa que constrúe críticas, esa que constrúe poemas, esa que amamos. E mentres nós amamos a palabra, admiramos como a constrúe a autora, como é quen de tecela con outras para armar unha colcha de papel resistente ante o paso dos anos, sabendo que estes non a van amaralear. Nela, debuxa ambientes, viaxes, amores e resistencias. E fíaas con humor, ese delicado fío que tanto pode ser de cores como branco e negro, fío de agullas sólido que non se deixa destecer e que ganduxa con delicadez e harmonía nos seus chivaletes.
- Vas saír así a rúa?
-Si, por?
- Porque con eses versos transparéntaseche todo o pesimismo. (páx. 50)
Sen comentarios
Publicar un comentario