Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/06/17

Os golfiños e o xigante


Na editorial Baía podemos atopar este texto baseado nun feito real de Inacio: Os golfiños e o xigante conta con ilustracións de Iván Suárez. O cerne desta historia é, efectivamente, unha historia real, e segundo se di, a realidade supera a ficción. Así que Bao Xishun, o home máis alto do mundo, que fuxía da fama e decidiu ser pastor de ovellas, foi requirido por un acuario para salvar a vida dun par de golfiños.E abofé que o conseguiu! E foi posible grazas aos seus longos brazos. A historia semella ben rara. Os golfiños, lambóns eles, paparan unhas boias que facían perigar as súas vidas, e só Bao Xishun, introducindo o seu longo brazo, podería quitarllas do estómago e salvalos. 
Así que Inacio maxina esta fermosa historia para os seus monicreques, e leremos (e agardamos velo representado asemade) como a coidadora dos animais andou por toda China, en todo tipo de vehículos, na busca do xigante salvador. Logo, converterase ela mesma en salvadora porque comprenderá que a mellor vida dos golfiños non é en cativerio.
Inacio reconstrúe unha fermosa historia facéndoa nosa, lembrándonos o marabilloso que supón o feito de que os seres humanos sexamos diferentes e de que saibamos aceptar esa diferenza. Pero tamén nos lembra o respecto que non só nos debemos entre nós senón tamén cara á natureza. Os animais son felices no seu hábitat natural. Que sentido ten apreixalos para que os humanos simplemente vaiamos velos? Que sentido ten facelos vivir baixo unha chave que impide a súa liberdade e por tanto a súa felicidade? Non desexemos para ninguén o que non queiramos por nós. Sexa animais de dúas patas, catro, ou sen elas.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.