Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/06/17

Rufus

Rufus, o morcego que adoraba as cores, escrito por Tomi Ungerer no ano 1961, vén de ser publicado pola editorial Kalandraka. Unha vez máis, o autor escolle un protagonista animal, pero non un animal doméstico, senón un deses que non adoitan ser protagonistas de álbums infantís (lembremos a boa ou o polbo) para achegarnos a súa propia visión metafórica dos prexuízos que habitan a nosa sociedade; así, o morcego -posto que este é o noso protagonista, Rufus- afastáse dos cánons establecidos para vivir coa luz do día e gozar de canto esta ofrece... pero deberá procurar unha cor para entoar. Aínda así, o medo e eses prexuízos dos que falabamos, eses que nos obcecan e impiden vermos oportunidades nas diferenzas, tentan rematar cos soños e as ilusións daquel que tentou rachar cos estereotipos. Que difícil resulta aceptarse a un mesmo! Pero máis complicado resulta cambiar o modus operandi dunha sociedade tradicional que cre ver perigos en todo aquilo que se afasta do que temos aprendido, do que cremos normal, do que está escrito por unha tradición inventada non se sabe por quen nin cando. Si, seguir o establecido é sempre máis doado e menos perigoso. Aquel que pretende camiñar por unha estrada non convencional pode saír ferido. Por sorte, por estas estradas circula máis xente que che ofrece a amizade. E esta, cando é sincera, si que é importante.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.