Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/06/17

Exhumación

Marcos Abalde Covelo gañou o IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey con Exhumación, publicado por Xerais. Un libro que destaca pola súa solidariedade social, polo apoio aos desfavorecidos, por poñer en palabras aquilo que ás veces preténdese agochar entre as tebras da ausencia. Por iso as palabras convértense en labazadas, en chamadas de atención, en apertura de ollos, para cuestionármonos que somos, que nos preocupa, cara a onde miramos. Somos realmente humanos os humanos? Por que nos convertemos en opresores? Por que consentimos que haxa así oprimidos? Deberiamos daquela chamarnos humanos os humanos? Consentimos vivir nun sistema, nunha sociedade opresora, capitalista, que só mira cara a un lugar sen importar quen quede no camiño, sen importar como nos tratamos, como tratamos a natureza, como estamos a rematar co noso propio planeta. Por iso, o ser humanos semella non ter memoria, nin histórica nin recente, e iso asemade acontece coa nosa cultura, a galega, esa que tantas veces sobreviviu nun cárcere que establece que a lingua permaneza pechada e agochada, e só nós poderemos liberala para utilizala.
De aí que teñamos que "exhumar un presente sepultado, onde as tres cuartas partes da humanidade está excluída, sexa entre os países do norte e do sur, o que chamamos apartheid global, mais tamén na propia Galicia, onde este apartheid, o da subhumanidade moderna, tamén funciona. 20.000 rapaces son expulsados cada ano a vivir fóra de Galicia".  
Unha chamada de atención, que non sexa orfa.



Cumpría decepar a efeméride futura.
O abismo tamén afloraba aquí.
As malleiras non acababan
nas alfándegas nin nas comisarías.
Normalizábase o estado de excepción,
a fenda na esperanza de vida, a asfixia.
Nunha sociedade necrófila,
a alegría viraba un perigo social.
Xeren, segregan, encerran, deportan.
Eles obrigábannos a entoar
o alalá proletario do lume.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.