Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/09/17

Jorge Drexler - "Movimiento"

Zeitgeist

29/09/17

El hombre feliz

Nós tamén futboleamos

Icelandair, a compañía aérea nacional do país islandés, lanzou un vídeo de apoio ás xogadoras de fútbol. Porque as mulleres tamén xogan, malia que se agoche.
Vía

28/09/17

What is that?

26/09/17

Líneas

 Novo libro de Suzy Lee publicado por Barbara Fiore, Líneas. Nono álbum sen palabras que nos deixa sen palabras, que nos convida a imaxinar e mesmo nos sorprende coa súa historia. Unha historia que persegue uns patíns e unha nena que os porta. Con mestría, a nena é quen de facer grandes piruetas, liñas hipnóticas que se van trazando no seu longo percorrido, ata que cae. Ou non? Que é o que é real? É todo produto dunha fantasía dun creador? Ou é produto da historia que nós creamos a medida que contemplamos cada páxina?

25/09/17

Científicas na Estación Central

Chamoume a atención esta nova que lin en Cultura Inquieta, polo fermosa e innovadora:
No teito da Estación Central de Nova Iorque puideron verse durante uns días unhas proxeccións que rendían homenaxe a 12 mulleres científicas.


24/09/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXIX)

Primeira dunha serie de 5 curtas que teñen como obxectivo detectar os primeiros sinais de maltrato na adolescencia.
Fútbol




23/09/17

La Educación Prohibida

22/09/17

A señorita Bubble

Cando rematei de ler este novo e delicioso libro de Ledicia Costas publicado por Xerais, cavilei na enorme sorte que teñen os nosos nenos e nenas por contar cunha literatura infantoxuvenil galega deste nivelón. Realmente, canta fortuna temos! A señorita Bubble, con espectaculares ilustracións de Andrés Meixide, é un libro inspirado tanto en Jules Verne como en Roald Dahl, adobiado con Tim Burton, un relato que mestura humor e aventura e onde humanos e marabillosas máquinas pasean da man nunha especie de lóxica aplastante: as malas serán reducidas porque a xustiza poética é necesario que exista na supervivencia dos sorrisos infantís. Polo camiño, actitudes intransixentes e a ignorancia como campo de batalla. Que pode haber detrás da ambición senón?
Así que no libro temos unha dicotomía, ou quizais o número 2 como constante: a realidade gris dunha familia media fronte á imaxinación e a liberdade; dúas irmás que se enfrontan a dúas mestras mafiosas; dúas caras diferentes nun pobo de ignorancia e tradición; os males do mundo trocados por inventos extraordinarios...
Pero sobre todas estas realidades temos unha protagonista absoluta que dá título ao libro, unha muller que se percata de que a pesar de estar rodeada de odio e incomprensión, sempre tenta facer o ben. Unha muller independente á que adoramos dende o primeiro momento, porque é ela mesma, fai o que lle peta sempre dentro da educación e do respecto e porque representa unha loita social: permitan sermos diferentes! Supoño que a autora quere destacar a súa intelixencia e sensiblidade fornte a esa ignorancia conxunta dunha vila que non pensa, acaso sexan autómatas da incomprensión. O rexeitamendo do diferente, a marxinación do diferente. E a ilusión de que algún día sairemos airosos.

21/09/17

Mounqup

Xaime Varela sempre nos trae novas musicais da nosa terra. Desta volta deitou no seu Facebook esta xoia:
Descubrindo a unha francesa que, dende Allariz, fai música galega, Mounqup.

 

20/09/17

Fálame do silencio

Fálame do silencio trata da incomprensión, da tensión, da rutina diaria que non leva a ningures, das tensións en parella, e sobre todo, de falar do silencio. Daniela Rodas e Mateo Franco interpretan os papeis protagonistas nesta obra de Lois Blanco, producida por Condetrespés e Andrés Rozados (Abella Creativa)

Fálame do silencio (2016)- Unha obra de Lois Blanco from Fálame do Silencio on Vimeo.

Nicolás va a la biblioteca

Sempre sinto unha especie de honra chea de orgullo compartido cando chega ás miñas mans unha obra dunha persoa que quero. E desta volta ocorre con Nicolás va a la biblioteca, un libro ilustrado por Alicia Suárez. Kalandraka aposta pola publicación destes libros na súa colección "Makakiños", nun afán de achegar a lectura a persoas con necesidades de apoio educativo.
A idea primixenia vén de Antonio Zorrilla Salgado, e desta volta estamos ante un libro que nos amosa a función das bibliotecas, así que maxinade se este libro é especial para min por razón tan diferentes!
Unha vez máis, as ilustracións de Alicia son ledas e mesmo inclusivas, coma o texto de pictogramas, e cheas de expresividade e detallismo para complementar a lectura.
Falamos pois de libros e bibliotecas inclusivas nas que non existen barreiras nin físicas nin de comunicación. Queremos bibliotecas así. Precisamos de libros coma este.

19/09/17

Os xeranios do Señor Alfonso

Curta realizada por alumnado do colexio Virxe da Saleta (Cea, Ourense) que vén de ser premiado no Festival de Cine Internacional de Croacia.



A terra de Anna

Vén de publicar na nosa lingua a editorial Kalandraka este libro de Jostein Gaarder titulao A terra de Anna, un libro ecoloxista que nos leva á reflexión, unha reflexión necesaria que implique asemade un movemento pola nosa parte, non só de posicionamento senón tamén de actuación, ante o que ocorre no noso planeta, algo que semella xa imparable pero contra o que debemos loitar.
Mesturando fantasía e realidade, o autor berra unha chamada que interpela a nosa responsabilidade, tanto individual como colectiva, deixando que sexa o planeta Terra a verdadeira protagonista da novela. A palabra clave, quentamento global e cambio climático. Un aviso do deterioro perigoso ao que estamos sometendo á Nai Natureza. E aínda que sexa este o eixo da novela, ao seu arredor atopamos algúns artigos xornalísticos que o autor considera imprescindibles para afondar no tema xunto cun elemento misterioso que aporta esa parte máis ficticia da obra.
Un libro que pasa a formar parte da lista de lecturas que ofrezo ao meu alumnado de 3º e 4º da ESO, pola súa mensaxe urxente e verídica que pide unha confirmación por parte do lectorado: a necesaria implicación nunha loita que arestora resulta necesaria e imprescindible. Si, o libro ten unha finalidade didáctica, pero este valor pedágoxico non fai desmerecer a historia, e sobre todo lémbranos que no podemos ser pesimistas nin preguiceiros, tan só debemos preocuparnos e loitar con esperanza pola supervivencia do noso planeta.

18/09/17

que despierten las mujeres todas

17/09/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXVIII)

Corta a tempo. O maltrato non chega de súpeto
#haysalida
#haisaída 


13/09/17

Luns



 Aínda que non sexa luns, falamos de Luns de Eli Ríos, editado por Xerais. Luns como o comezo, o principio, o primeiro día da semana. E logo? Ir máis alá, avanzando dende a dor. Porque Eli Ríos golpea dende a primeira liña, non deixa risco para evadirse da desesperanza. “Vou morrer” en primeira persoa sen intermediarios nin narradores, nunha novela que doe, nunha protagonista feminina que toma a palabra, bota un pulso, pero a si mesma e de paso a todas nós. "Vou morrer". Dúas palabras que nos acompañan continuamente, que nos deitan unha realidade que desta volta convértese en novela, que nos doen pola proximidade, pola presenza dunha enfermidade que podería atacarnos en calquera momento. Poderiamos ser calquera de nós. A protagonista, unha persoa normal cunha vida normal. Normal? Non é acaso unha superheroína que leva unha vida que nin sequera lle deixa espazo á enfermidade?  Unha muller que non pode enfermar. Non. Ten que seguir a traballar, a coidar dos fillos, da casa. Unha muller que debe seguir sorrindo. E imos descubrindo unha realidade máis atroz, se se pode falar de que hai realidades máis feroces ca un cancro terminal.  Non ter dereito a enfermar, non ter dereito a deixar de sorrir. Hai esperanza nunha vida que remata? Hai amor, amizade, que loite contra a propia dor?


Unha novela que deixa que o lectorado poida descubrir as imperfeccións dunha sociedade que exerce presión sobre as mulleres, unha muller que conta a súa vida desde a súa propia visión, que escribe listas como un xeito de apreixar o tempo, ese que esvara entre os dedos sen percatarnos. 
Cando remata a semana, a vida? Porque o final remata connosco, lectorado que se retrotrae nunha covardía desalentadora. Porque a voz que nos persegue dende esa primeira persoa, que se arrisca e nos arrolla, métenos na dor máis complexa, máis individual e máis social, na carrraxe dun final que preferiríamos que non existise. Nin na ficción nin na realidade. Pero está en ambas.


11/09/17

Animais de compañía

Manuel Lourenzo González e Óscar Villán son os artífices deste divertido álbum publicado por Kalandraka, Animais de compañía. Un libro que é un xogo lingüístico pero que o lectorado máis maior leva a unha reflexión sobre a malediciencia. Porque sabemos que a partir dunha frase pode cambiar tanto o contido que se magnifique algo que non tiña en principio nada que ver, como acontece aquí. Para o lectorado máis novo, é un divertimento, como xa dixemos, tanto pola lingua como polas ilustracións, cargadas de dinamismo e expresividade: os propios animaliños flipan cos humanos e a súa deformación, algo que deixan ver claramente as ilustracións coloristas. Ademais, é un texto rimado que convida a seguir xogando coas palabras e o cambio de sílabas. E iso acontece porque a linguaxe non ten límites, tal como demostra o álbum.

10/09/17

Non á violencia contra as mulleres (DXXVII)

Campaña “#EXIT”, escrita e dirixida por Mabel Lozano, da Asociación para a Prevención, Reinserción e Atención á Muller Prostituída (APRAMP) dentro da campaña "Nadie se ofrece para ser esclav@: #contralatrata”, que está protagonizada por mulleres supervivintes da trata para falar da vida despois da escravitude e daquelas que non tiveron a súa mesma oportunidade.
Para min foi un honor falar con Mabel Lozano nas súas visitas a Lalín en anos anteriores. Está a realizar un traballo fundamental.
Visto aquí.

07/09/17

Un amor imposible

Publica Anagrama este libro de Christine Angot, Un amor imposible, un libro de amor e desamor en todas as súas vertentes, un libro duro e ao mesmo tempo tenro, un libro impactante que vai sacando á luz un dos peores sucesos que lle poden ocorrer a unha filla con respecto a seu pai. Nun principio nada nos leva a pensar que vai tratar deste amor, senón que pensaremos que fala do amor imposible entre unha parella por diferenzas sociais, étnicas, relixiosas... e a medida que avanzamos imos odiando a figura paterna por como pensa, por como trata á esa moza coa que mantén a relación amorosa. Logo odiarémolo por todo. Aquel amor imposible entre os pais, que está unido sobre todo polo desexo e polo amor da nai, convértese noutro moi diferente, tamén imposible, polas circunstancias da dor, polo trauma da filla. O amor imposible xirará despois en torno á nai e á filla, o sentimento de culpa, de rabia, de desprezo. Logo virá a soidade. E quizais, o intento de perdón.
Como non cuestionar o amor?


05/09/17

El lagarto negro

Curiosa lectura esta que nos ofrece Salamandra na súa colección "Black": El lagarto negro de Edogawa Rampo mestura un algo de intriga cun curioso procedemento, o narrador, quen lembra ao lectorado accións e curiosidades dirixíndonse directamente a el (supoño que debido a que a novela foi publicada por entregas, e así comprobamos que a acción é importante ao final de cada capítulo), ofrecendo un sentido do humor moi peculiar. O libro é tan só unha loita de enxeño entre os dous personaxes principais: unha muller mala malísima, o Lagarto Negro ou madame Midorikawa, e o detective Kogorô Akechi, que hoxe en día case semellan un xogo inxenuo. Pero debemos lembrar que estamos ante un clásico que ofrece un investigador sagaz sempre por diante do criminal, aínda que non o pareza. Por ser un libro dos anos 30, resulta unha lectura moi diferente que sorprende a aquelas persoas que esteamos acostumadas a ler novela negra, pois afástase totalmente da novela negra actual, como é normal. Unha lectura doada que non deixa de resultar atractiva para situarnos a principios do século pasado en Xapón.




03/09/17

Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes

Proliferan ultimamente estes libros que nos traen historias de mulleres, ás veces esquecidas, ás veces ocultadas, coma este do que hoxe falamos: Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes. 100 historias de mujeres extraordinarias, publicado pola editorial Destino, de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Este ten a peculiaridade de que en cada páxina, xunto cunha ilustración, a pequena biografía de cada muller está pensada como un conto tradicional, cun "había unha vez" e en lugar de princesas e trasnos temos unha historia real dunha muller que destacou nalgún ámbito. Unha biografía curta, pensada para ler antes de durmir, e para que nenos e nenas vaian coñecendo estes nomes que son importantes para a Historia da Humanindade pero que non sempre aparecen nos libros de Historia. Mulleres que non agardaron a que ninguén realizase os seus soños por elas, senón que tomaron a iniciativa e loitaron contra os estereotipos de xénero para cambiar a Historia.
100 mulleres valentes ilustradas por 60 artistas de todo o mundo. Un libro precioso.



02/09/17

Xoguetes con estereotipos

Este experimento da BBC amosa os prexuízos nos que caemos sen pensalo:


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.