Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/01/18

Apegos feroces

En Sexto Piso poderemos atopar esta gozada de novela autobiográfica de Vivian Gornick, Apegos feroces. A verdade, cheguei a el polo "boca a boca", e collino antes ca outros pola súa extensión (xa se me está pegando o cataclismo lector do meu alumnado: cantas páxinas ten?). Foi acertado facelo. Porque lin que é un libro, sobre todo, honesto, e iso pareceume chamativo. 
Un libro que fala dos paseos cotiás que realizan unha nai e unha filla, e mentres pasean, lembran, discuten, contan a historia das súas vidas. Todo está neses paseos. Unha relación ás veces difícil; unha relación ás veces amable; unha relación ás veces odiosa; unha relación ás veces envexable. Pero sobre todo unha relación entre dúas mulleres feitas de historias rodeadas doutras mulleres que falan e senten o amor e a sexualidade (hai homes na historia, si, pero elas son as protagonistas). De aí que o libro sexa profundo, porque a autora debe analizarse a si mesma, debe atravesar todas as fisuras para ser quen de tentar pechalas e reconstruírse, debe saber visibilizarse e converter a fouteza en rebelión. Debe saber que ese apego feroz non pode con ela. Nas súas páxinas topamos os nós que imos formando na vida, no camiñar continuo que consiste en capacitarnos para seguir andando, para sortear as coiteladas que a vida nos depara. A ferocidade dos apegos reside na dependencia ou na influencia que moi a pesar noso recibimos aínda que a rexeitemos. Quizais sexa certo iso de que o odio e o amor están preto. Cadaquén que o analice para si.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.