Antonio Lozano é o autor de Nelson Mandela. O camiño cara á liberdade, publicado por Kalandraka. Unha biografía novelada pensada para un lectorado adolescente que dá a coñecer esta figura imprescindible da hosa historia máis recente. Este ano celebramos os cen anos do seu nacemento do mellor xeito: achegar a vida de Mandela á xente nova é imprescindible, por ser un home extraordinario que guiou o seu pobo cara a liberdade perdoando e reconciliándose cos seus propios verdugos. O autor faino a través do bisneto de Mandela, un rapaz que contaba tan só con trece anos cando ese home admirable morreu. E fíxoo sen que este neno, Walter, puidese preguntarlle todo canto quería saber del para aprender do seu exemplo en primeira persoa.
Está ben como achegamento, como digo, pero a historia semella algo inconclusa. A vida do neto, totalemente ficticia e que foxe da realidade, é unha viaxe para coñecer a figura importante. Bótanse de menos máis datos importantes e máis desenvolvemento da vida de quen nos ocupa e sobra trama dos personaxes. Aínda así, é unha lectura lixeira que cando menos cumpre a función de que a rapazallada coñeza a Nelson Mandela dun xeito doado.
Sen comentarios
Publicar un comentario