Despois de ler No apagues la luz, quedara con ganas de seguir lendo a Bernard Minier e por fin agora puiden achegarme ao seu primeiro libro, Bajo el hielo, publicado por Roca. E é que Minier é un dos mellores autores de novela negra de Francia e do mundo, dende o meu punto de vista. E con este libro confírmase a miña teoría; o peor é que arestora sei que teño que lelo todo, non o podo evitar. Martin Servaz é asemade un deses detectives que resultan inesquecibles: hipocondríaco e culto, quería ser escritor e recita en Latín.
O libro conta con todos os ingredientes necesarios para que unha novela negra sexa boa; pero sobre todo chama a atención a ambientación, o lugar frío e opresivo que nos asolaga en cada páxina; coas descricións detalladas que nos agasalla o libro, paseamos por ese páramo paisaxístico e temos o mesmo frío que o protagonista. Canda este frío a anguria permanente que nos absorbe e que nos mergulla na natureza humana máis perversa.
Quizais poida resultar unha lectura algo densa, pero paga a pena a perturbación que desenvolve e que nos sorprende continuamente. Nunha palabra, xenial.
Sen comentarios
Publicar un comentario