Elizabeth Strout tráenos unha personaxe memorable en Olive Kitteridge, libro publicado por Duomo. Unha novela que case podería ser un libro de relatos nos cales retrátase a vida nunha pequena vila, coñecendo os seus habitantes baixo un nexo, a protagonista, unha muller que enche o libro e que nos desconcerta, nos atrae, amámola e odiámola, e sobre todo queremos comprendela. Con ela viviremos momentos cruciais da súa vida e das persoas que a rodean. Cando pechamos o libro, non deixamos de pensar nela; aínda que ten ao seu arredor personaxes importantes, como o seu home, entrañable, servicial, querido.
Asemade, a voz narrativa, próxima, detallista, sen ritmo pero cativadora.
O paso do tempo, os erros que se cometen ao longo do tempo, o deteriroro do corpo e da mente, a soidade, a vida, en fin, é o pouso do libro. Neste paso da vida quedan remosos, recordos, desilusións, amores, ledicias e tristuras, conflitos coas persoas que nos rodean. Así é a vida. E así nola conta o libro. Pero baixo esa ollada acaparadora da protagonista, preguntámonos cando se equivoca e cando non. Cando sofre as consecuencias ou cando é suficientemente forte. A vida non é doada. Nunca. E é por iso que a obra achéganos os conflitos do ser humano, coa resistencia que este posúe. E é por iso que a visión pesimista subsiste.
Un libro para saborear.
Sen comentarios
Publicar un comentario