Déixase
ler Senlleiras de Antía Yáñez, publicado por Galaxia, nun salaio, nun curto
espazo de tempo no que, precisamente, desaparece a noción temporal para nos
centrar nas personaxes que o libro nos ofrece. Certo é que o libro nos atrapa dende o principio ata o final, xa que ten alento propio. Non sempre me convence a calidade da voz narradora nin o detalle fantástico que voa nalgunhas das súas páxinas, pero gústame sobre todo a ollada deitada no pasado, naquelas vidas miserables e tan reais que nos falan de pobreza e ignorancia -tantas veces unidas, por desgraza- como a peor lacra social. Gústame a imaxe dunha nena afouta e intelixente, lectora, con capacidades "masculinas", que é independente... ata que deixa de selo; unha moza que reclama o seu espazo de afectos, e que cando pensa topalos,
estes resultan pouco reais. O que si atopa é unha violencia que naquel momento
non tiña nome, porque a muller era obxecto; e os obxectos poden golpearse,
racharse, esquecerse. Cos obxectos podemos facer o que nos veña en gana. Esa era
a concepción que había sobre as mulleres.
Era?
Viaxemos no tempo e situémonos nas protagonistas actuais.
Naquela que non é quen de falar dos seus sentimentos reais –de saír do armario-
e daquela que semella telo todo. TODO. Pero que baixa esa capa de felicidade
agocha outro tipo de violencia, seguramente a máis terrible porque cada día vai
minando a personalidade facéndoa máis feble sen vela: a violencia psicolóxica. A manipulación é unha arte e aquí amósase claramente.
E tiremos conclusións.
Ambas historias, pasado e presente, terán un delicado fío que as une e que dá protagonismo ao espazo. Ese "cuarto propio" reclamado e non sempre obtido.
Encantoume a recuperación da figura de Corona González, articulista preocupada pola emigraicón e a educación das mulleres, e os seus textos xornalísticos. Serve para alucinar xa de paso un libro dun médico coruñés, Roberto Nóvoa Santos, que fala da "pobreza mental da muller". En fin, sen comentarios...
Sei que vai gustar.
Sen comentarios
Publicar un comentario