Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/09/18

Fun Home. Unha familia tráxica

Unha boa nova para a nosa lingua: publica Rinoceronte Fun Home. Unha familia tráxica de Alison Bechdel.
A historia que conta é moi interesante, aínda que non me acabe de convencer a súa lectura, non sei se por ter unha prosa demasiado densa ou pola inxenuidade dos debuxos. Aínda así, é unha obra a ter moi en conta, polo interese que supón a historia en si mesma (o descubrimento da propia sexualidade, a relación con seu pai, a oculta homosexualidade deste...) e polo amor pola lectura que respira a obra. Isto destaca dende un principio: a autora amósanos personaxes lectores continuamente; os libros son e serán case o único vínculo con seu pai e serviranlle á protagonista de explicación para que o lector poida entender o carácter ben difícil da figura paterna.
E como todo, TODO, está nos libros, o suicidio do pai está en Camus, a sexualidade da moza está en Colette e a relación filiopaternal en Wilde. E isto é posible porque a literatura é a vida.
Xunto ao amor á literatura está o compoñente argumentativo principal que xira arredor dun pai que resulta ser o que non se pensaba; a autora consegue presentarnos o complexo mundo no que vive con sinceridade absoluta e cunha reflexión necesaria que se fai dende a honestidade e a procura de coñecerse a un mesmo e aceptarse. O que non sempre é doado.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.