Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/08/19

La Red Púrpura

Non me resistín. Tan pronto souben que Carmen Mola xa tiña segunda entrega, alá fun. Desta volta publica Alfaguara La Red Púrpura, novela moi negra, que ten os mesmos protagonistas que a primeira e que terá como argumento unha rede que trafica con vídeos de violencia extrema e coa pederestia. O argumento de por si xa interesa, porén, non me gustou tanto como a primeira.
Como no primeiro libro, a novela é extremadamente cruel. Tanto, que impacta ata onde pode chegar a mesquindade do ser humano. Unha vez máis: sabemos que a realidade supera a ficción. Aínda así, que tétricos resultamos!
O que si está claro, é que non podemos ler esta segunda entrega sen ter lida a primeira. Non se podería comprender, xa que a historia comeza dous meses despois de ter rematada a primeira. A inspectora, Elena, volverá a situarse fronte a unha investigación que a involucra persoalmente. Ao longo desta investigación comprenderemos que os estatus sociais (o máis altos e os máis baixos) non viven afastados, senón que se retroalimentan. A investigación lévanos á Violencia máis chamativa e extrema, de aí que ás veces a lectura resulte pouco doado pola crueza e a ferocidade descrita. Chega a ser nalgúns momentos mesmo "gore", o que non sei ata que punto é axeitado. 
Como dixen, non me gustou tanto como "La novia gitana", nin pola descrición dos personaxes nin por algúns xiros demasiado febles, mesmo con algunhas situacións que "chirrían". Pero estamos ante unha historia potente que non vos deixará indifentes. E se lestes a primeira, estaría ben ler a segunda.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.