Aínda que fuxín da poesía dende hai case un ano teño que recoñecer que Antonio García Teijeiro conseguiu engaiolarme co seu Versos e Viceversos que escribe canda Juan Carlos Martín Ramos e que está ilustrado por Juan Ramón Alonso; completa o bo traballo a editorial Kalandraka con esta fermosa e delicada edición. Versos para lembrarnos a destrución do noso planeta, para lembrarnos que só nós, os humanos, comezamos guerras destrutivas e que só nós, os humanos, temos a maxia da lectura nas nosas mans; poemas cheos de compromiso, de dor, de enerxía, de natureza, de intimismo, de verbas necesarias; de PAZ. Un libro que ademais propón un diálogo entre as dúas linguas, o galego e o castelán, para lograr aínda máis riqueza nas súas páxinas. Un agasallo para o corazón.
Presentes están os elementos da natureza que son luz e faro na poética de García Teijeiro: o mar, a lúa, as caracolas, as estrelas, o MAR... chaves que nos permiten abrir e pechar portas e ventás cargadas de figuras literarias que alimentan a nosa fame de poesía. Unha poesía que vén acompañada dunha forza sedutora ilustrada para sentir aínda mellor os pequenos ruídos das palabras, os susurros e as ondas, mesmo as gotas que golpean os cristais mentres nós lemos ou escribimos.
Dozura, delicadeza e potencia.
Pólas enxoitas no lume
crepitan con voz escura.
E asústanme os seus lamentos.
Triste, triste partitura.
A través dunha xanela
o fume inventa palabras
para que as escriba o vento
e que as escriba na páxina.
Nesa páxina enredada
dun dilbro de luz sen flor
que foi perdendo o seu brillo
nos invernos sen color.
Sonche as palabras de cinza.
Son letras adormecidas.
Son contos e son poemas
que ocultan moitas feridas.
Pólas enxoitas no lume
que non me quitan as penas.
Rescaldos de nubes mornas.
Espellos de lúas negras.
Sen comentarios
Publicar un comentario