Despois de moito tempo de silencio, cansazo, mágoas, bágoas e sorrisos, e con moitas dúbidas de se volver ou non a esta casa na que se converteu o blogue, onde as palabras fixeron amizades e tentaron ser faro algunha vez, volvo, ou tentarei volver. E que mellor unha volta cun empurrón? Foi a miña compañeira Ester González Martínez quen decidiu que aquí había que varrer e regresar á vida. A súa lectura, un Remexido de patacas de Eli Ríos publicado por Baía.
Grazas, Ester.
Aquí a súa recomendación:
Case podo imaxinar as persoas a
conversar despois de ler o libro:
- Ti cres que ao final...
- Para min que si.
- Pois enu non sei, igual non...
Porque Remexido de patacas é un libro
para falar del despois de lelo, para calar despois de lelo, para
pensar despois de lelo ... Para ler despois de lelo.
Porque ao rematar a historia queda un
mexido de imaxes de mulleres fortes, solidarias, resolutivas que máis
tarde ou máis cedo (o tempo importa?) deciden romper co que as
esmaga e DECIDIR por si mesmas sobre como será o longo das saias que
poñerán, a que hora toquenearán no sofá e o momento idóneo para
tocar un instrumento.
E como di Enma Pedreira no prólogo
“notas que doe”. “A realidade doe”. A nosa sociedade é así
de dura e que doia quizais sexa o primeiro paso para
comprometérmonos. Pero, ollo! Que tamén sorriredes e vos
emocionaredes a fartar.
Estades agardando a que diga algo das
patacas? Pois non. Iso queda da vosa conta.
Sen comentarios
Publicar un comentario