Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/01/20

Dez gatiñas viaxeiras

Nun primeiro momento lembroume a Once damas atrevidas. Logo, xa me fixo sorrir. Sobre todo, cando se ten unha gata na casa tirándoche o libro das mans mentres les un libro sobre gatas. Gatas divertidas que percorren a xeografía galega e que teñen, non sei se sete vidas, pero cando menos dúas. Tantas vidas que ata se permiten o luxo de emigrar a Portugal. Eu tamén quero!
Estou a falar de Dez gatiñas viaxeiras, álbum ilustrado de Eva Mejuto e Víctor Rivas publicado por Xerais. Un álbum en verso para cantar e contar, que utiliza a estrutura tradicional acumulativa pero neste caso decrecente, para que nos sexa máis fácil xogar coa súa lectura. E de paso que lemos, aprendemos algo da nosa propia xeografía, que ben nos cómpre! Así, pasaremos polo monte de Lestrobe e a Illa de Ons, Trives, a Muralla de Lugo, o Salnés,  Ourense,  Vigo... Asemade, o libro convida a ler as imaxes e canda elas averiguar que información agochan. Outro xogo máis que redondea a proposta. 
Viaxade coas gatiñas mentres percorredes o lene lombo dunha. Será unha experiencia única!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.