Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/01/20

Las flores perdidas de Alice Hart

Encantoume. Claro, que vindo de quen viña a recomendación, non podía ser doutro xeito. A pesar do meu pouco ánimo lector, Las flores perdidas de Alice Hart de Holly Ringland, publicado marabillosamente por Salamandra, fíxome relembrar o sabor da lectura. Doce sabor da lectura!
Unha historia de mulleres e segredos familiares, sobre a presenza do maltrato machista, a tristura da perda, a fuxida, o desamor, e o amor. Asemade, cobra importancia o lugar, que seguramente nos resulte estraño por afastado, e nos encantará a linguaxe das flores e a súa vitalidade: esta linguaxe será unha das potencias máis evocadoras do libro; ao rematalo, as flores cobrarán vida na cabeza, encherán de beleza as pálpebras e faranse un oco no corazón. Permitirán que pechemos o libro con delicadeza para non estragalas. E sementarán esperanza e beleza. Unha beleza que percorre as páxinas do libro e que ás veces fará que nos emocionemos, que choremos, que maldigamos. As flores son protagonistas do libro, xunto co amencer e o serán, xunto coa natureza e os sentimentos, xunto co horizonte. Hai moitas clases de protagonismos que viven engarzados entre a crueza da historia e a dozura da prosa que nos alenta. 
Por certo, a biblioteca e a bibliotecaria tamén son importantes no libro. Non só de flores falamos...s


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.