Encántame Miguel Anxo Murado. Recoñezo que é unha debilidade, desde que lin sobre todo Fin de século en Palestina e desde que veu ao centro e falei con el, descubrindo un home humilde e tímido cunha abraiante cultura que non cesaba de sorprender. Agora gocei cos seus Tres minutos no aire que publica Galaxia recollendo as súas colaboracións entre 2006 e 2009 no programa Diario cultural da
Radio Galega, 83 pequenos ensaios que son reflexións que mesturan esperanza e desesperanza, optimismo e pesimismo, paixón e frialdade, o "yin e o yan" dun xeito que, coido, só é el quen de realizar. Asemade, con esta lectura aprenderemos datos como por exemplo que Galiza ten máis dun terzo dos topónimos de España, sendo só o 6 por
cento do territorio; que levar os zapatos limpos é
unha proba de status porque nalgún tempo era sinal de que un podía
dispoñer dun coche de cabalos para desprazarse... Información sempre amosada con reflexión e ironía e a nosa retranca máis atinada.
Un libro para gozar en pequenos anacos que convidan a reflexionar e... a seguir lendo!
Sen comentarios
Publicar un comentario