Manuel Rivas compila en Contra todo isto, publicado por Xerais, un conxunto de traballos que amosan o seu bo facer xornalístico, sempre impregnado de voz literaria. Unha voz rebelde que anima á reflexión e a ollarnos e ollar en derredor con perspectiva crítica, a non deixarnos encarreirar, submisión que a sociedade pretende. Por iso Rivas critica a sociedade precaria na que vivimos e anímanos a tentar cambiar unha realidade que non nos gusta e da que tantas veces agochamos a vista e non queremos nin enxergala. Rivas convida a cuestionarnos e cuestionar. Convida á reflexión. A ollar cara a cara a corrupcios, o machismo, o feminicidio, a redución da liberdade... e con este enfrontamento lembrarnos que podemos loitar contra a desmemoria e facela feble. A loita vén acompañada de fórmulas de boas prácticas como medir o Balance do Ben Común en lugar do PIB; deseña por tanto carreiros de futuro, porque despois de loitar "contra todo isto" hai esperanza, e porque agora mesmo hai asemade situacións que pagan a pena porque conmocionan e alegran, porque existe a solidariedade e o activismo. De aí que debamos sacar a venda dos ollos que nos atenaza e que tantas veces nin sentimos porque como ovellas lévannos da man e procuran que non pensemos.
Agora máis ca nunca, con todo o que está a pasar, precisamos da nosa propia reflexión e loitar pola formación dun posible mundo novo.
Sen comentarios
Publicar un comentario