Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/09/20

Miña guía, Meu Capitán


 A
gardaba con moito anceio a chegada deste álbum, non só polo que anunciaba a editorial Kalandraka, senón tamén porque coñezo o autor e sei da súa preocupación social e da solidariedade que exerce na vida cotiá. Así que sabía que ía ter nas mans un álbum comprometido. Pero non sabía cal era o seu contido, o seu argumento, e foi unha sorpresa. Unha sorpresa maiúscula porque ademais é un tema que me toca especialmente.

Estamos a falar de Miña guía, Meu Capitán de Gonzalo Moure con ilustracións de María Girón.

Tal como afirma o autor, este álbum non é só un libro sobre a tenrura que pode provocar o que lemos -e o que vemos grazas ás ilustracións- senón que é un libro sobre a reciprocidade: a miña man na túa e a túa na miña. Porque así é: desde o primeiro momento sabemos que as luces e as sombras son repartidas entre pai e filla porque a cegueira, porque o maxín, porque o amor, úneos constantemente. Non hai posibilidade de saír por algunha fenda rompida sen as súas mans: entre elas e as súas palabras constrúen un zoolóxico universal onde casas e coches, semáforos e pasos de peóns están feitos para o seu camiñar e o seu sentir. As súas mans tocan o mundo, e o mundo transfórmase na separación de ambas ata que volven a unirse: esa é a grandeza do amor, onde este non é cego, senón que todo ao contrario, somos os cegos quen non sabemos velo.

 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.