Creo que non fun capaz de pasar unha páxina sen unha bágoa. Non significa isto que o libro vaia a páxina por bágoa, porque hai páxinas nas que tes que deter a lectura para chorar a moco tendido para logo proseguir. La hora violeta é unha lectura que te deixa noqueada, porque non hai nada máis terrible que a perda dun fillo, dunha filla. E cando esa perda cha van contando dende o minuto un, en que sabes que o cancro aposta pola morte e non hai outra solución, sentes a necesidade de ler porque tamén es nai e porque non queres saber nunca o que é esa dor, porque sabes que Sergio del Molino quere inventar unha palabra que na nosa lingua -a miña a galega, no seu caso, a española- non existe, porque vai contra natura ese tipo de perda. É tan dolorosa que a propia gramática nega a súa existencia. Xa falaramos disto mesmo con outra novela, lembrades?
Esta lectura supón unha dor constante, ben é certo. Pero tamén arrinca unha admiración total por ese pai e esa nai. Como reaccionariamos de nos ver nesa mesma tesitura? Asemade, implica unha oda ao traballo da sanidade (que bo momento para falar tamén disto), ao traballo de médicas, enfermeiras, e de todo o persoal que poboa os corredores dun hospital cheo dun silencio doloroso quwsaaaaa3e acaba sendo o seu habitante máis fiel e poderoso.
Sobre todo, a emotividade será a sensación que domine a nosa lectura. Pero nela tamén hai cabida para a música e para a Literatura. Ambas resultan axudas terapéuticas e nos lembran a importancia da cultura (outra vez que vén nos ben arestora para lembrar a súa defensa, ferida de tal xeito como está en perigo de morte).
Si, é unha novela tremenda. Pero que vos recomendo con total sinceridade e devoción.
Publica Literatura Random House.
Sen comentarios
Publicar un comentario