Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/04/21

Stella


 S
orprendida porque realmente non sabía que ía atopar, así foi o primeiro achegamento a esta lectura, unha obra que me atraeu e me disgustou a un tempo. Obviamente, rematada a lectura, e comprendida a dimensión adquirida, mergulleime na indagación para saber máis. E acabei de comprender. Stella é unha personaxe real e Takis Würger inventa unha historia para achegárnola: el mesmo di que se "inspira" na vida de Stella, pero logo crea unha historia de amor ficticia entre ela e o protagonista, un mozo suízo inocente que tarda en comprender a dimensión do drama humano que supón vivir no medio dunha guerra cruenta. Por iso, esta non é unha novela máis sobre o nazismo.

Cada capítulo comeza cunha rápida información do tempo no que se sitúa e os acontecementos reais daquela. Asemade, en cursiva atopamos anacos de expedientes xudiciais reais -actualmente conservados no arquivo histórico de Berlín- que nun principio nos desconcertan ata que pouco a pouco imos entendendo o que se agocha detrás.

A pesar de que falamos dunha historia de amor entre un mozo e unha moza, hai un terceiro personaxe en discordia, un mozo alemán enigmático que pertence ás SS pero que goza dunha vida pouco ortodoxa segundo os cánons do momento. E que tamén deberá pagar as consecuencias. Porque a novela é dura como a vida mesma. Como a vida da protagonista rela, unha muller xudía colaboradora da SS que delatou a centos de persoas. Pero quen somos nós para xulgar a ninguén? Ela quería salvar a seus pais. Que faría calquera no seu lugar? Independentemente de que a acción que aquí se nos conta sexa ficticia, a novela deixa un pouso de reflexión importante. Por iso a sensación que nos queda é agre e doce a un tempo. Pola disparidade dos dous personaxes, porque a inxenuidade e o amor semellan infinitas, pero tamén o é a maldade.

 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.