Encantoume este libro de Andrea Maceiras, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2020 que outorga a editorial Xerais. A folla azul achéganos, sobre todo, á necesidade de comungar e respectar a natureza. Lémbranos que a vida neste planeta non pode ter futuro se non a coidamos. Con infinita delicadez, a autora lévanos ao encontro coa maxia do afastado, do diferente; con ela, percorreremos a Amazonia fóra de estereotipos e prexuízos para acadar a crenza de que só a nosa fouteza pódenos salvar. E esta fouteza debe vir acompañada, como non, do coñecemento, da cultura, da educación, na súa máis ampla versión. Se non contemplamos todo canto temos ao noso arredor, non poderemos respectalo. Se non ollamos desde a nosa humildade, non poderemos aprender.
Un libro para recomendar unha e mil veces: precisamos libros coma este que nos leven á singularidade de pobos que non coñecemos e precisamos coidar o noso planeta máis ca nunca.
Con ilustracións de Sonia García.
Sen comentarios
Publicar un comentario