Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/11/21

Animalia 3. Azul


 L
ogo das dúas primeiras entregas deste cómic, temos arestora un terceiro, Animalia 3. Azul,  que nos leva ata os océanos para ver as peripecias de peixes e animais que viven no mar, xunto co perigo dos seres humanos e o lixo que alí bota. Xosé Tomás segue a liña anterior para denuciar, a través do humor, a situación que se vive no mar e tamén para contarnos algunhas das circunstancias que estes animais viven. Un cómic moi recomendable para o lectorado máis novo que cumpre unha función especial: encher o gran oco que existía neste xénero en galego como lectura para a infancia. Divertido, irónico e transmisor cultural, unha oferta para non perder.

Publica Xeraishttps://www.xerais.gal/libro.php?id=6485308.

14/11/21

Vaia cabuxiño!


 Segue Xerais ofrecéndonos as traducións dos libros infantís de El Hematrocrítico, desta volta con Vaia cabuxiño! con ilustracións de Mar Villar. Unha demostración da importancia da intelixencia, que vence sempre á forza bruta, por moita que se exerza. 

O autor revisita algúns dos contos clásicos onde o Lobo é moi malo dándolles unha volta. Desta vez está o conto do lobo e os tres porquiños, e o lobo e os sete cabuxiños. Grazas á intelixencia e astucia do cabuxiño protagonista, os contos teñen un final tan feliz que o lobo é un lobo tan bo que nin sequera é feroz.



07/11/21

Selva


 Un álbum que recibe o XIV Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado sempre é ben recibido, pero se aínda por riba non ten palabras, xa me conquista a priori. Selva é de Marina Gibert, publicado por Kalandraka, e conta un paseo incrible dun neno por lugares que semellan moi afastados... ou non tanto. Porque nada é o que parece e de aí a súa orixinalidade, que esperta no lectorado unha curiosidade especial por saber que hai detrás das cores e da xungla, xogando coa perspectiva e cun final totalmente imprevisto que nos leva a un espazo cotián que é quen de albergar todos os espazos.

 

06/11/21

A paso de tartaruga

 


Kalandraka agasállanos cun novo conto tradicional africano adaptado por Boniface Ofogo con ilustracións de Rebeca Luciani: A paso de tartaruga é unha fábula protagonizada polo animal máis sabio e persevarante, que neste caso consegue salvar a todos os animais. Asemade, o conto lémbranos como a supremacía irrereverente do ser humano, que exerce dende que o home é home, conleva a destrución de canto ten ao seu arredor, ultraxando deste xeito a convivencia e o equilibrio coas demais especies e coa natureza. Á vista está.

 

05/11/21

Antigua sangre

 


C
ustoume máis do habitual ler este libro de John Connolly, non sei se pola miña pouca apetencia lectora ou se porque considero que aquí xa se pasa co sobrenatural, e eu son pouco dada a este tipo de lectura. Antigua sangre, publicada por Tusquets, é case unha novela gótica, así que se anda por aí alguén que ame este xénero, que acuda inmediatamente á libraría. Porque desta volta temos escenarios por onde alternan personaxes que encarnan practicamente o mal en estado puro e a súa perdurabilidade. Asemade, este libro presenta unha complexa arquitectura novelística na que proliferan diferentes lugares e tramas, cunha galería de personaxes extensa. Tanta diversidade afástanos moitas veces do ritmo que cremos deben ter as novelas negras e mesmo nos distancia do seu protagonista en favor doutro tipo de seres. Escenas de terror e visións fantasmais conviven coas pesquisas policiais, e por suposto cuns personaxes que para quen os seguimos acaban sendo entrañables a pesar da súa fereza.

Aínda así, algúns elementos de toda a serie están presentes neste libros, como a mirada do protagonista, unha mirada humilde e clemente a esar da crueldade do mundo -e da novela-. 

 





04/11/21

Os Minimortos. O Día dos Vivos

 


Tiña que ter falado deste libro hai unha semana, pero o transcorrer do curso e o traballo que conleva apenas deixa tempo para andar por estes lares lectores. Se onte falei do anterior libro desta saga, hoxe volvemos cos Minimortos que celebran O día dos Vivos, por suposto. Non van celebrar eles e elas o Día dos Mortos!!! que para iso estamos ante unha especie de espello do noso mundo e viaxamos grazas a Ledicia Costas ao Outro Barrio sen medo ningún. Realmente para a rapazada ten que ser un pracer este tipo de libros que fala do que normalmente son temas tabú con toda liberdade e valentía. Porque gozar con esta panda de nenos e nenas é ben sinxelo! Sobre todo, procurando un traxe apropiado para o Samaín, cousa nada doada se non entendemos as regras dese lugar!

Publicado por Xerais.

03/11/21

Os Minimortos. Escola de salvaxes

 


S
egue Ledicia Costas deleitándonos coas aventuras destes nenos e nenas que viven ao outro lado de nós, os Minimortos. Desta volta o subtítulos que acompaña esta entrega é Escola de salvaxes e fai alusión a unha nova mestra que chega á escola desta rapazada. Pero a escola non pode ser divertida cunha mestra chamada Sinistra que os obriga mesmo a falar en rima... Coma sempre, non todo é o que semella no mundo de ultratumba.

Publicado por Xerais.

02/11/21

Sapiens

 


É
difícil ser un bo divulgador científico, pero atopamos aquí un que leva a mellor nota: Yuval Noah Harari consegue enganchar con Sapiens. De animales a dioses. Breve Historia de la Humanidad, publicado por Debate, un ensaio que se le como unha novela (unha novela histórica que recorre os principais acontecementos da historia da humanidade, unha novela de aventuras cuxo protagonista é o "Home sapiens" e unha novela de viaxes que percorre a peripecia vital da humanidade), un ensaio que nos leva polos principais momentos da Historia do home, dende a súa aparición hai 200.000 anos ata arestora. Isto significa sinalar os momentos máis relevantes e interpretar os feitos, todo isto cunha linguaxe desenfadada e amena, o que sen dúbida resulta ser unha ferramenta eficaz para nos atrapar na lectura. Por suposto, bótanse en falta moitos outros momentos dos que o autor non escolle falar (teñamos en conta a súa orixe e o conflito con Gaza, por exemplo), pero temos claro que é imposible deterse en todos os acontecementos nun libro así; pola contra, propón moitas cuestións nas que paga a pena parar cavilar. O mellor, seguramente, sexa asemade o relativismo co que fala, é dicir, que non proclama verdades absolutas, e tamén o seu ateísmo implícito, así como o de nos deixar caer que quen reina non é a ética, senón a crueldade (miremos arredor, pois).



01/11/21

A nai sombra


 Promesas e novos comezos. A nai sombra é isto e moito máis. A portada, tan só, chama. Logo collémolo e non queremos soltalo. Non sabemos se o libro ten unha maxia especial ou é que o libro é máxico por si só. Pero algo ocore. Porque as palabras e as ilustracións son tan fermosas que non queremos rematalo; por non querer, non queremos abrilo demasiado non se nos vaia estragar. Así ocorre coas xoias, supoño, que aínda sabemos que non van desaparecer por moito que as admiremos, temos tanto temos a que suceda que queremos ollalas constantemente. 

A nai sombra, texto de Seán Virgo e ilustracións de Javier Serrano Pérez (algunhas páxinas pensei que pertencían ao meu prezado Cobas) publicado por Kalandraka. Non perdades ocasión de adquirilo.

Ás veces topamos sal nas súas páxinas, a humidade do mar, a brétema que o rodea. Topamos tristura. Topamos delicadeza. Topamos unha man que nos envolve acolledora. E o que máis nos envolve é a melancolía que atrapa o relato, a sombra. Porque aínda que a historia é bastante fatalista (infelicidade e engano) cun pesar mudo que enche cada palabra, é tal a sensación que nos transmite o libro que non rematamos chexs de tristura pero si nunha atmosfera sen palabras da que tardaremos en saír.

 


Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.