Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/02/22

Sobre series orientais (I)

 Meses levo mergullada nunha crise lectora e existencial que me levou lonxe desta casa e dos meus habituais costumes. O feito de estar arestora aquí non significa que estea superada, aínda que mellorando e botándovos de menos. Como ando a aprender sobre sociedades afastadas e orientais, dei en pensar que podía compartir convosco algunhas das miñas reflexións e recomendacións. Así que vouvos falar dalgunhas sereis orientais que gocei en Netflix, e quizais tamén vos poida falar dalgunhas das miñas conclusións. Vaia por diante que non teño unha explicación para entenderdes por que se me deu polas series coreanas, sobre todo, pero necesitei fuxir do meu mundo e estas series téñenme axudado moi moito. Tamén teño un interese especial arestora polas culturas orientais, pero curiosamente en lugar de me centrar nas xaponesas, que terías máis sentido, déuseme polas coreanas, nun interese por coñecer esa sociedade; non son unha experta, por suposto, pero creo saber algo máis. Certamente, non vin as series que están de moda, senón algunhas das que nada sabía e apetecíame probar; o máis curioso é que elixín temáticas que noutrora nada me interesarían, por comprender eu tamén ata onde chega a idea do "amor romántico" e como afecta en todas as sociedades.

Quizais non vos interese en absoluto nada do que vos vaia falar de agora en diante, pero agardo que haxa alguén por aí que me lea e comparta as súas impresións comigo. Asemade, volverei á lectura e ás miñas reflexións sobre as lecturas. Así que, aquí estou de novo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.