Gustoume a proposta que nos fai Xesús Fraga no seu Virtudes (e misterios) publicada por Galaxia, obra que recibiu o Premio Nacional de Narrativa neste ano 2021 e que asemade xa recibira o Premio de Novela Blanco Amor 2019: un libro que combina xéneros como a novela, a crónica e o diario, e que consegue ofrecer unha visión máis da emigración que emociona e conmociona, pois o sentido do humor que amosa é parte importante da trama, unha vida -varias vidas- reais que nos lembran a tantas persoas coñecidas que tamén viviron situacións semellantes.
Comentábame un compañeiro que leu o libro canda min que el non se sentía identificado con esta emigración, que o seu punto de vista como fillo de emigrantes é moi diferente. Coido eu que non tentaba o autor con este libro escribir un libro universal sobre a emigración, posto que o relato da emigración é múltiple e hai moitas e diferentes vivencias, senón que realiza unha estupenda homenaxe á súa familia e a unha avoa imparable que si pode ser espello doutras mulleres inquebrantables que viviron a emigración. Dende aí e dende aquí, un libro que nos axuda a falar deste drama universal e galego, que explica moita idiosincrasia familiar da nosa terra e que ademais está ben contado e ben escrito e que resulta unha boa proposta para achegarnos a unha familia que podería ser moitas.
Sen comentarios
Publicar un comentario