Gustoume moito esta proposta da editorial Nórdica: Fantástica historia de amor de Sophie Divry. Gustoume aínda que a ollada que eu dirixira ao libro era diferente; ou sexa. eu agardaba unha lectura máis feminista (a autora é unha activista dos movementos feministas) e menos intrigante, a pesares de que a contracapa xa avisaba que o libro toma prestados os códigos do "thriller".
Certo é que se nota que o libro está escrito por unha muller, polo coidado que deitan as palabras cando describe a paixón e a sexualidade dos personaxes principais, e porque hai detalles que o reconfirman ao longo de toda a historia; a intriga vén dada por unha investigación desenvolvida no CERN, que dá asemade máis interese á historia.
A historia resulta moi áxil porque se alternan os capítulos entre o "el" e o "ela". E a medida que avanzamos na lectura as coincidencias sucédense mentres o lectorado desexa que se topen xa dunha vez. "El" narra en primeira persoa; "ela" en terceira. Haberá algúns capítulos cara ao final que serán protagonizados por algúns outros personaxes, pero serán moi poucos e necesarios para resolver a trama do "thriller".
Fóra do misterio por resolver, está a soidade. Unha soidade que ela cura con encontros sexuais e que el cura coa igrexa; por suposto, nin a unha nin o outro serán felices ata que se topen. E este enxalzamento do amor chamoume a atención, xa que aínda que a maior parte do libro estea dedicado a topar a solución requirida (non hai detectives nin asasinatos pero si un problema), o título deixa claro que o importante é precisamente este amor que xurdirá entre as tebras dos protagonistas, un amor que por outra parte semellaba formar parte do destino de ambos por esas coincidencias que mencionamos anteriormente. Quizais estas coincidencias se circunscriban ao fantástico: os personaxes son reais e confiren veracidade á lectura. Pero tamén a Amizade é unha parte moi importante no libro, para ambos personaxes, porque poden sosterse nos verdadeiros amigos e amigas cando o precisan. E isto, así como as preocupacións que calquera de nós pode sentir en determinados momentos, están moi ben reflectidos no libro.





Sen comentarios
Publicar un comentario