Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/01/14

Entrevista a Gisbert

Comezaramos o curso pasado cos primeiros pasos dun proxecto chamado "TeleColmeiro". Seguimos a darlle voltas (son un pouco teimuda) e este curso as nosas xornalistas entrevistaron a Joan Manoel Gisbert o día que nos visitou. A ver se calla!

06/01/14

Agarrando pueblo



Vía

La liga de los pelirrojos

Se me acheguei a este famoso libro de A. Conan Doyle novamente foi, claro está, polo ilustrador, Iban Barrenetxea, a quen xa sabedes teño devoción. Esta edición que temos entre as mans corre a cargo da editorial Anaya. Do texto, arquicoñecido, nada teño que dicir. Sempre está ben volver a Sherlock Holmes, aínda que só sexa para relembrar as miñas primeiras lecturas. Pero o que si é un pracer é recrearse nestas ilustracións e a visión que o ilustrador nos dá dos personaxes. Unha marabilla!

Sherlock-Iban-Barrenetxea








El Sr. Conejo y el regalo perfecto

Se algo me chamou a atención cando vin este álbum e polo que non dubidei en mercalo foi o nome do ilustrador: Maurice Sendak. Con texto de Charlotte Zolotow, El Sr. Conejo y el regalo perfecto está publicado por Corimbo e foi publicado no ano 62 por vez primeira. Tenro e sensible, resulta ser un álbum ben especial onde o ilustrador Sendak transmite sobre todo delicadeza e complicidade entre o coello e a nena. Vaia, que acertei de pleno!
O álbum recibiu o premio Caldecott de Honor de la Notable Children’s book International.


 

Pesca sostible

A organización británica FishLove  realizou unha campaña a favor de prácticas de pesca sostible que non baleire de vida os océanos. O fotógrafo francés Denis Rouvre retratou personaxes coñecidos do mundo cultural e do espectáculo nus xunto a exemplares mariños que viven nun ecosistema que "colapsará nunha xeración se non se detén o ritmo actual de pesca", afirma a asociación.



















Vía

05/01/14

La Cerca

 
 
 

El ratón que comía gatos

Un álbum con texto de Gianni Rodari con ilustracións de Emilio Urberuaga! Pouco máis se pode pedir xa, non? Asi é este El ratón que comía gatos publicado por SM, unha aposta segura porque Rodari é un xenio e esta é unha historia divertida que ten como protagonista un rato sabio e lector. Claro que o feito de ser lector non indica a perfección e este rato resulta un pouco sabiondo de máis e terá que pagar as súas pantasmadas.

Un viejo ratón de biblioteca fue a visitar a sus primos, que vivían en un solar y sabían muy poco del mundo.
-Vosotros sabéis muy poco del mundo -les decía a sus tímidos parientes -, y probablemente ni siquiera sabéis leer.
- ¡Oh, cuántas cosas sabes! - suspiraban aquéllos.
- Por ejemplo, ¿os habéis comido alguna vez un gato?



Non á violencia contra as mulleres (CCCXLIII)

04/01/14

Abracadabra

Curta sen palabras de Frederic Back:

Monster

Dende agora mesmo, absolutamente fan deste manga de de Naoki Urasawa, publicado por Planeta. Monster fala do mal feito persoa. De aí que sexa un manga destinado ao público adulto. Sitúa a historia na Alemaña de pouco antes da caída do muro e o protagonista é un mozo cirurxián xaponés (resulta ben curioso que os propios autores xaponeses non lle poñas os trazos característicos da súa raza aos seus debuxos). O feito de salvar un neno desencadea toda a acción do cómic.
De momento só lin o primeiro libro, pero estou absolutamente enganchada, así que estou segura que vou ler os nove que me faltan. E falamos de tomos grosos!, pero, realmente a acción trepidante e a natureza humana que amosa a lectura ante un abismo de maldade, xunto coa gran calidade que coido ten o libro, conquistoume.







Xeitos de morrer

Na procura de algo extravagante que chamase a atención, os de Metro Melbourne, Australia, realizaron unha campaña para promover a seguridade dos mozos na vía do tren, comparando os xeitos máis parvos de morrer coas estúpidas maneiras en que alguén pode perder a vida nas vías do metro. Abofé que o conseguiron!



Vía

03/01/14

Crac!

Curta sen palabras de Frederic Back:

El extraordinario viaje de Prudence

Un álbum que invita a soñar dende a portada ata a contraportada: así é este El extraordinario viaje de Prudence de Charlotte Gastaut publicado por SM. Escenarios máxicos que están fiados entre as páxinas de diversas maneiras, destacando por riba de todo as cores e a orixinalidade das páxinas troqueladas: dende nubes de algodón ata elefantes camuflados, sereas e bosques, de todo hai e todo cabe neste álbum. As dúas primeiras páxinas, totalmente diferentes, faranvos preguntar ante que estades: tipografías diversas, frases curtas, desorde, bambán entre letras... para logo adentrarse nun bosque de páxinas diferentes e divertidas sen palabras.
Un álbum para descubrir.








La peor banda del mundo

Publica Astiberri a obra máis premiada da historieta portuguesa: La peor banda del mundo de José Carlos Fernandez é unha obra constituída de historietas curtas de dúas páxinas, independentes entre si, que axudan a conformar entre todas elas a cosmogonía dunha cidade -sen nome-, onde os personaxes se cruzan entre si con ocupacións e preocupación inverosímiles, surrealistas e humorísticas. Un mundo onde a existencia vólvese artificiosa e paradoxal que vén a ser un catálogo daqueles segredos do ser humano levados mediante a hipérbole á loucura.
Este primeiro volume compila os tres primeiros tomos da serie: "El quiosco de la utopía", "Museo Nacional de lo Accesorio y de lo Irrelevante" e "Las ruinas de Babel".
E fixádevos nas profesións dos personaxes: Troquelador de selos, Comprobador metereolóxico, Criptógrafo de segunda clase ou Inspector Municipal de Mecheiros.
Así que, xa sabedes, non veñades ata estas páxinas dun xeito convencional porque non valerá: abride as vosas mentes e deixádevos seducir polo surrealismo maxistral deste autor portugués, aínda que "Steven Spielberg aínda non manifestou o seu interese por facerse cos dereitos, desgrazadamente". Por favor, non saltedes a biografía. É xenial.


la-peor-banda-del-mundo-portada

la-peor-banda-del-mundo-01

Xoguetes para princesas

Segue habendo sexismo na publicidade infantil. O sexismo non é natural, as nenas non prefiran monecas, senón que detrás hai moito interese económico e de mercado dunha sociedade profundamente machista que sexualiza sobre todo ás nenas e segrega á infancia en función do sexo.

1x1.trans >> Juguetes, Navidad y princesas Disney alentando estereotipos... ¿lo seguimos permitiendo?%disenosocialCONSELLOS PARA MERCAR:
.- O xogo é libre e espontáneo. Non hai xoguetes de nenos ou nenas: evitemos esa idea.
.- Non hai cores para nenos e cores para nenas. Os xoguetes deben reflectir a diversidade de cada persoa.
.- Escollamos os xoguetes libres de prexuízos sexistas.
.- Elixamos xogeutes que reúnan a nenos e a nenas cooperando e compartindo espazos tanto públicos como domésticos.
.- Agasallemos xogeutes que promovan todas as capacidades e habilidades de nenos e nenas, tanto xogos tranquilos como os que requiren actividade física.
.- Procuremos xogos e xoguetes que potencien a igualdade na participación e o desenvolvemento de sentimentos e afectos en nenos e nenas sen diferenza.
.- Evitemos xoguetes violentos. Eduquemos para resolver problemas de xeito positivo, construtivo e creativo.



Máis información aquí.

02/01/14

Un nadal cinéfilo

Se o nadal fose un filme dirixido por Steven Spielberg, Scorsese, Kubrick, Woody Allen... Un gurpo de actores e actrices fixeron esta curta na que interpretan a mesma escena -a vida dunha familia o día de nadal- segundo os códigos cinematográficos destes directores.


Vía

Unha rosa é unha rosa

Por motivos laborais volvín a esta lectura que tiña medio esquecida de Suso de Toro publicada por Xerais: Unha rosa é unha rosa é unha obra de teatro do ano 1997 que non permite aparcar o sorriso un só momento. E ese é o seu maior logro: baixo o subtítulo "Unha comedia de medo" o que topamos é o medo a escachar coa risa. O outro mérito desta obra teatral é que por ela non pasan os anos: envellece tan ben que semella que vén de escribirse este mesmo ano que vén de rematar, xa que é unha parodia da ambición que a nosa sociedade sofre e da que semella non conseguirá saír. Quizais o que resulte máis afastado ao meu alumnado actual sexa a afección que pola serie do detective Colombo sente a protagonista vella, porque non o coñecerán xa, pero o resto é perfectamente moderno.

Prosopopus

Curioso cómic sen palabras de Nicolas de Crécy este Prosopopus publicado por Glénat. Un relato de violencia con monstro vingador incluído que resulta ser un prodixio de maxinación gráfico e narrativo. Un monstro brutal -que se forma dende o sangue dun home, o fume dun cigarro, o seme dunha prostituta, o ar cheo de polución da cidade- que conseguiu coarse entre os meus soños desa noite, algo realmente sorprendente e significativo: é un libro que non deixa indiferente. Porque este monstro permite ver conexións onde non tería que habelas, convertendo a lectura nunha viaxe alucinante.




01/01/14

No Light

O meu marabilloso sombreiro



Para comezar o ano ben, este blogue conta coa colaboración de Carme que ademais me agasalla un álbum moi significativo, posto que Xapón converteuse para min en algo máis ca un país: as bágoas tan abondosas e morriñentas desta noite así o confirman.
              

O meu marabilloso sombreiro  (Edicións do Cumio, 2013) é a tradución ao galego dun conto xaponés. Escrito orixinalmente por Akiko Ishihara, esta edición bilingüe debe a interpretación galega e as ilustracións que o acompañan a Suevia Sobral Santiago. O pequeno narrador conta como, con esforzo, fai un sombreiro estupendo e, contento coa súa obra, decide regalala. Pero cal será a súa sorpresa cando, por unha ou outras razóns, todos lle  rexeitan a súa obra (o Sr. Formiga, o Sr. Cabra Negra,  o Sr. Can Policía, a Sra. Abella, etc...) ata que se dá conta, grazas á Sra. Elefanta, do ben que lle acae á súa propia cabeciña.
Acómpañase dun CD con seis cantigas populares xaponesas en galego e as seis partituras da versión orixinal. Se vos interesa a cultura nipona, se vos agrada escoitar música, ou se simplemente queredes agasallalo nestas festas porque fala da xenerosidade, non o dubidedes.
 Un xeito excelente de iniciarse no xaponés!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.