Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

31/03/20

Nai


Hélène Delforge e Quentin Gréban publican en Algar este precioso álbum ilustrado que vén a ser unha homenaxe a todas as nais. Nai chama a atención polas ilustracións, xa dende a portada, e polo tamaño do libro. Imposible non fixarse nel. Logo, ímonos deleitando con todas e cada unha delas, a variedade de maternidades que nos lembra que todas son diferentes pero iguais, porque o amor é universal, ben veña dado por bicos, apertas, aloumiños... ou pola sensación de seguridade. As ilustracións canda un texto poético doce, delicadamente cariñoso.
Un álbum para ollar de cando en vez.


Nai.
Unha das primeiras palabras do mundo.
Un nome único que levan millóns de mulleres.
Unha palabra para nomear o amor, a tenrura, o vínculo, quizais a ausencia.
Hai tantas nais como criaturas.
No entanto, en todos os continentes,
unha vez collen o seu bebé no colo,
todas as nais se parecen.

Here's the Plan

30/03/20

HUMANA. el cuerpo fuera del cuerpo

"Humana" é unha reflexión sobre a percepción de sete mulleres sobre o seu propio corpo. As mulleres aceptan a proposta da ceramista Sweet Sue de crear nha vaixela por medio de moldes de partes do corpo coas que teñan algún tipo de conflito.



Ama

Gustoume (aínda que non me encantou, porque coido que ás veces é un pouco repetitiva) esta lectura triste, esta reflexión ou álbum de lembranzas (é isto unha novela?) de José Ignacio Carnero que publica Caballo de Troya: Ama procura a nai perdida, o amor maternal e o filial, a infancia afastada, pero tamén a agonía e a dor da enfermidade. Pero ademais, o autor non só fala da nai, senón tamén da súa propia biografía dende un punto de vista crítico. Estes temas abondan na nosa identificación: hai moitas liñas nas que procurarnos tamén nós. A complexa relación cos pais (e cos fillos), a sociedade actual, a emigración... está claro que a experiencia individual do autor que nos conta aquí descarnadamente, pode representar moitas vidas ou cando menos moitos anacos doutras vidas. 
Hai momentos para que as bágoas veñan. Pero tamén hai momentos máis tediosos. Sexa como for, atrévome a recomendárvola. Seguro que hai espellos entre as súas liñas.




29/03/20

Tecido Resistente

Flora y los pavos reales

Fermosísimo e delicadísimo álbum despregable de Molly Idle que publica Barbara Fiore: Flora y los pavos reales é un orixinal libro sen palabras que converte cada páxina nun baile, nun soño, nun xogo. Unha nena que baila con dous pavos reais ciumentos porque ambos queren ter o mesmo protagonismo, pero sempre hai solucións. 
O final, espectacular.

28/03/20

Julieta Venegas - Mujeres

27/03/20

El blues del hombre muerto

Xa vos falei o outro día de Ray Celestin. Por suposto, seguín co segundo libro (coido que non hai máis publicados de momento): El blues del hombre muerto, publicado tamén en Alianza. Novela negra que non necesita para enganchar nada máis que nomes famosos, música, verosimilitude e historia.
Si. Viaxemos ao Chicago dos anos 20 do pasado século da man de Al Capone e Louis Armstrong. Paseemos polas súas rúas e coñezamos os baixos fondos, aprendaos algo máis sobre os costumes, a segregación racial, a drogadicción... Non esquezamos que na outra man temos á parella protagonista da anterior novela. Imos moi ben acompañadxs. A partir de aí, unha novela coral que dende tres camiños paralelos e diferentes vannos levar a un só final, porque nalgún momento da historia, eses camiños deixarán de ser paralelos para cruzárense entre si. Personaxes reais e de ficción pululan por unhas páxinas atraentes e ben construídas onde nada queda ao azar.
Como xa dixen na súa anterior novela, unha auténtica gozada!






26/03/20

Green Light

La ciudad latente

Volve a sorprendernos e conquistarnos Shaun Tan con esta La ciudad latente que publica Barbara Fiore. Un álbum ilustrado de 44 ilustracións a dobre páxina e 25 contos e poemas protagonizados por animais de diferentes especies. Neles, plantéxanse conflitos da sociedade amosándonos que o ser humano está totalmente desconectado da natureza, polo que o autor decide crear unha oda a esa natureza e a eses animais que cambiarán a percepción da realidade dos humanos, unha realidade que asfixia.
Coma todos os libros deste autor, estamos ante unha obra de arte convertida en libro. As ilustracións cheas de cor, fantásticas, fermosas, hiperreais.


25/03/20

Ma’agalim - Jane Bordeaux

Ma'agalim - Jane Bordeaux from Uri Lotan on Vimeo.

La bailarina sin corazón

Nahir Gutiérrez e Iván Harón constrúen unha historia moi emotiva que publica Mueve tu lengua: La bailarina sin corazón conta como unha nena nace cunha cardiopatía que lle impedirá levar a cabo o seu soño... pero hai moitos soños que cumprir! A protagonista representa unha realidade cotiá: a cantidade de veces que temos que recuperar as forzas para seguir adiante porque non saíu aquilo que nós quereriamos para as nosas vidas. De aí que o final da historia sexa un alento de esperanza, unha reinvención persoal para non nos centrar nunha soa cousa que quizais sexa imposible e ter a capacidade de non permitir que este imposible non nos escravice.

24/03/20

Quero ir

Esta canción está adicada a tod@s as persoas que queren ir a moitos sitios, pero por responsabilidade quedan na casa. GRAZAS

Un trevo para Xulieta

Paula Merlán e Mar Azabal son as artífices de Un trevo para Xulieta, álbum publicado por Bookolia. Un libro que fala de diferenzas, de respectalas e de non avergoñarnos delas. Porque todas e todos somos diferentes pero iguais. Non importa aquilo que nos afasta, senón o que nos achega, como o cariño e a amizade. E sobre todo o respecto.



23/03/20

Manada somos nós

Jazz para el asesino del hacha

Jazz para el asesino del hacha reconcilioume coa novela negra. Desde hai moito tempo, ningunha novela deste xénero, que adoitou sempre a me axudar na fuxida, acababa de me encher. E agora chegou Ray Celestin para salvala e salvarme. De feito, xa estou co segundo libro. Ambos, publicados por Alianza edidtorial. En primeiro lugar chama a atención que sexa unha historia real, sitúada entre 1918 e 1919. Logo a música, o jazz. Despois, a ambientación. Mentres les, sentes que estás paseando polo Novo Orleans daqueles anos. O escritor sabe levarnos a un lugar onde a música asolaga as rúas,o onde a bebida e as drogas campan, onde o racismo imponse cruelmente, o vudú existe e a violencia e a extorsión son o pai noso de cada día. Asemade, os personaxes, ben construídos, espectacularmente efectivos, incluído Lewis Armstrong. Estes personaxes ofrécennos diversas perspectivas que se van enrendando para darnos solucións e partillando de tal xeito que o lectorado poida tirar as súas propias conclusións.
E si, é unha novela negra, moi negra. Pero tamén o é histórica, porque o autor soubo alimentarse para escribila. Unha gozada.

22/03/20

Tusa feminista

La ola de estrellas

Fermoso álbum de Dolores Brown e Sonja Wimmer publicado en Nubeocho: La ola de estrellas ten o sabor dos contos tradicionais e é un álbum tenro que conleva historias de mariñeiros e piratas, con sabor a mar salgada. De fondo, o libro fala dos cambios que nos poden suceder na vida e que podemos loitar para revertelos.


21/03/20

Somos as netas das bruxas que non puidestes queimar

Somos las nietas de las brujas que no pudisteis quemar

Antifona gregoriana que se cantaba en tempos de peste

http://zarabanda.info/antifona-gregoriana-que-se-cantaba-en-tiempos-de-peste/


Y la gente se quedó en casa.
Y leyó libros y escuchó.
Y descansó y se ejercitó.
E hizo arte y jugó.
Y aprendió nuevas formas de ser.
Y se detuvo.

Y escuchó más profundamente. Alguno meditaba.
Alguno rezaba.
Alguno bailaba.
Alguno se encontró con su propia sombra.
Y la gente empezó a pensar de forma diferente.

Y la gente se curó.
Y en ausencia de personas que viven de manera ignorante.
Peligrosos.
Sin sentido y sin corazón.
Incluso la tierra comenzó a sanar.

Y cuando el peligro terminó.
Y la gente se encontró de nuevo.
Lloraron por los muertos.
Y tomaron nuevas decisiones.
Y soñaron nuevas visiones.
Y crearon nuevas formas de vida.
Y sanaron la tierra completamente.
Tal y como  ellos fueron curados.

(K.O’Meara – Poema escrito durante la epidemia de peste en 1800)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.