Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/07/21

Hijos de febrero


 Unha vez que comecei con Alan Parks, tiven que seguir. O bo de collelos a destempo é que están os dous publicados e podo lelos así, sabendo que se se metese moito tempo polo medio non lembraría a metade dos personaxes. Ás veces, dá gusto chegar tarde a algunhas publicacións!!!

Así que foi o turno de Hijos de febrero, publicado asemade por Tusquets, de Alan Parks.

E se no primeiro coñeciamos un protagonista incrible, agora profundamos na súa personalidade. Así, coñecemos mellor o seu pasado e os motivos polo que é amigo dun mafioso sen escrúpulos a quen axuda constantemente, a quen lle debe lealdade. Volvemos a estar ante unha novela atípica, xa que a estrutura que mantén neste libro é a mesma que na anterior: o comezo é explosivo xa que nos presenta un crime espectacular e logo unha procura desenfreada dun culpable que sabemos quen é. Pero isto non fai que perdamos interese na historia, xa que está moi ben enfiada e destaca a construción dos personaxes e varias tramas que se van engadindo pouco a pouco, pesando nos diálogos. Logo, destaca tamén a reconstrución dunha Escocia situada en 1973, coa música e a vestimente propia do momento.

Agardamos que siga publicando.




25/07/21

Enero sangriento


 Non coñecía a Alan Parks, autor de novela negra publicado por Tusquets. E comecei polo primeiro da serie Harry McCoy: Enero sangriento. Rúas cheas de corrupción, drogas, perversión e moita violencia. Un detective que prefire dalo todo, a pesar do perigo. Afástase doutras novelas negras porque non é típico policía bo que remata por atrapar os malos. Que hai moita brutalidade e non toda é punible, aínda que si todo é máis tráxico e brutal. Mesmo a linguaxe utilizada.
Para seguir.





25/06/21

¿No queríais saber por qué las matan? Por nada

 

¿No queríais saber por qué las matan? Por nada from Mercedes Fernández-Martorell on Vimeo.

06/06/21

25 anos de Lois Pereiro

#LP25anos #BenxaOtero #LoisPereiro #AteneoCasino #CirculoRecreoLalín #CaféCasino

05/06/21

Sibila

 

Cando souben que Rosa Aneiros publicaba novela, sentín unha ledicia enorme. O seu nome é sinónimo de calidade, e fun veloz a buscala. Logo, unha vez comezada, sentinme confusa, non entraba na historia e iso desanimoume... un chisco. Pero estaba tan ben escrita que tiña que seguir. Despacio, porque ultimamente as miñas lecturas son así, lentas, pero imparable. Houben mergullarme nunha illa que me desconcertaba, aínda máis os seus habitantes, aínda máis a súa protagonista. E con ese nome imaxinaba que algo había detrás, con dobres intencións, porque o nome non podía ser máis ca froito dun coidadoso estudo da nosa prezada autora. Sabendo que o nome da protagonista alude a unha muller de poderes proféticos, que significaba o que estaba a acontecer na lectura? Unha lectura chea de saltos temporais, de temas diferentes, de expresións riquísimas, mesmo dunha distopía abrumadora... As persoas que habitan na illa teñen as súas historias, pero os lugares tamén, e son nomeados, porque o que non se nomea non existe, e Rosa Aneiros insiste: Con de Armeria, Baixío de Suantes, Pena de Ouro, Rañosa Vella, Outeiro de Liáns, Laxe do Abeirado, Congostra do Alemán, Campa de Hilario, Fonte do Setestrelo, Castelo da Herba, Aguillóns de Mar de Fóra, Coído de Inverno, Pozas da Lomba, Areal do Cubelo... microtopónimos con nome propio, algo que non ten a propia illa. Unha illa que nos illa e que produce illamento, un xogo de palabras necesario que nos trae consigo, asemade, denuncia social e unha reflexión rotunda sobre a maternidade, pero tamén sobre a veciñanza e o amor, de todas as clases. Lede Sibila, publicada por Xerais.


03/06/21

Glitch

 

01/06/21

Estrita necesidade


 Deses agasallos que non agardas e converten unha tarde en momentos de felicidade. Recibir un libro de Carlos Negro da súa man é un luxo, pero descubrir que os seus versos están acompañados das fotografías de Benxamín Otero é case un exceso. Que sorte de veciñanza! Ambos asinan Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
As fotografías de Benxamín destilan sinceridade. Mans que traballan. Ferramentas que constrúen. Mans que pran á perfección e pousan con coidado o resultado. A pureza da imaxe. A cor e o contraste coa súa ausencia. Perfectos poemas sen versos. As palabras ponas Carlos.

Falamos en masculino, porque o libro é un reflexión sobre a parternidade, unha homenaxe que ambos, Carlos e Benxa, en versos e fotografías, realizan aos pais da posguerra.

esas maus non se herdan

nin a destreza coa garlopa

nunca adquirimos finura

ferranchar non se nos daba


A visión diferente que temos cando somos fillos de cando somos pais.

Cando somos fillos vemos aos nosos pais como entes aos que non desexamos semellarnos, porque son seres cheos de defectos que non queremos compartir. Eles, pola contra, desexan que herdemos, cando menos, as súas virtudes.

Cando somos pais dámonos conta de que anhelamos que os nosos fillos se parezan a nós. Cambia a nosa mentalidade porque xa non somos obxectivos: proxectámonos nos nosos fillos, pretendemos que sexan unha versión mellorada de nós.

A parternidade, como ser pai, é tamén unha das reflexións do poemario.

facerse home

era elaborar os domingos

unha natureza morta con cheiro a cartucho

O libro reflexiona asemade sobre como a posguerra conformou unha forma de ser, as penurias pasadas obsérvanse nalgúns poemas. Tempos de racionamento e austeridade.

en como aproveitas o carozo da mazá

en como arrodeas co coitelo parte podre

nese xesto coa peza da froita

gárdase a fame toda dos corenta

a ansia de que nunca sobre nada

de aproveitar ata a codia máis dura

unha forma de ser xa inquebrantable


 Estas marcan un silencio. O silencio desde o que os pais educan dende a resistencia a un mundo que pousou esperanzas e afectos que non se mencionan.

 o amor 

era regresar á casa 

cunha caixa de mantecadas de Astorga


e o cambio que se produce asemade sobre esta forma de educar. 

 negar a necesidade das bágoas

confundilas con líquido de freos

e o silencio carrexalo no remolque

como travesas prás minas de Asturias

 

 Deixar pasar o tempo, e canda el, o novo diálogo dos afectos

verte avó

ver tocarlle 

á banda 

outra peza

poñerlle música 

a serodios afectos

 

Cambiamos arestora ese silencio polas palabras que nos acompañan.


30/05/21

The Fox and the Bird

 

29/05/21

Ódiame

 Nadie me mira mal por la calle. Nadie me insulta en las redes. A mí nadie me odia. Soy un hombre blanco occidental. Tú no me odias... Hasta hoy. Estoy aquí para hacerte ver que sólo odias a quien es distinto a ti.



27/05/21

Axente X.99


 G
ianni Rodari
sempre e para sempre. Non esquecermos lelo e gozar con cada novo libro. 

En Kalandraka, Axente X.99, contos e versos do espazo é unha orixinal colección de textos, contos e versos cheos de imaxinación e revolución ao mesmo tempo, acompañamos a este inesquecible axente X.99, un gardián dun asterooide que percorre diferentes aventuras no seu devir galáctico, sempre empurrado pola curiosidade e a amizade, que nos debuxa un sorriso permanente na face. Poderemos descubrir planetas descoñecidos e os seus habitantes ou tentaremos recuperar algún cadáver entre asteroides.

No mesmo volume, "Poemas para rir": si, poesía riseira chea de humor e xogos lingüísticos que nos lembran o pracer de contar, de recitar, de ler.

 E, como non, xeniais ilustracións de Federico Delicado que imprimen maior valor ao volume.

 

24/05/21

Chin Ban Bum!


O
utro libro de Frédérick Stehr cos mesmos protagonistas e o mesmo formato publicado por Kalandraka: Chin Ban Bum! é pura música, que podería ser ruído pero que se transforma con esta lectura en marabilla acústica. Con estes personaxes queremos participar nós tamén nese xogo ruidoso de experimentación de accesorios domésticos, porque non cómpren instrumentos para crear unha banda.

Malo será que mañá non topemos outro xogo divertido para compartir cos amigos e amigas!


23/05/21

O día das apertas


 Unha historia para o primeiro lectorado cheo de tenrura. Quen son os protagonistas? Cinco aves de diferentes razas que nos amosan canto se queren. E que mellor maneira para demostralo que unha boa aperta? Iso é a amizade: amor sen fisuras. Unha historia sinxela que nos fala de inocencia infantil e delicadeza. As ilustracións resaltan o valor dos personaxes co seu fondo branco.

 

Frédérick Stehr, autor de O día das apertas, publicado por Kalandraka en cartoné duro e redondeado, é perfecto para comezar a lectura, e marchará de viaxe a Xapón, inevitablemente.


20/05/21

Especial #Nakba73

73 anos dende o inicio da expulsión dos palestinos da súa terra, logo dunha limpeza étnica que aínda perdura. Este momento denomínase como “Nakba”, Catástrofe, que significa a perda da terra e a fragmentación do pobo palestino cunha Diáspora que atopa en Chile un núcleo de poboación importante.

18/05/21

Nus


 S
orprendeume Manuel Gago con este libro, xa que agardaba algo ben diferente. Aínda así, debo dicir que Nus, publicado por Xerais, é unha lectura amena que fai uso da ironía, da retranca e do humor para pasearnos pola Galicia da chegada da democracia e por un acontecemento verdadeiro e abraiante: a reivindicación nudista galega de 1983. Dende este feito, o autor aborda como é a burguesía (unhas poucas familias de sempre: trescentas) quen colle a dirección do noso país coa chegada da democracia a o nacemento das institucións autonómicas. E farano sen interese ningún pola Autoonomía, senón polo control perpetuo e histórico que mantiveron e seguirán -ou deben seguir- mantendo. Esta é a parte que ofrece a crítica social (adobiada asemade coa necesaria referencia á cultura do pelotazo urbanístico que encheu de cemento as nosas costas), xa que a partir do personaxe principal, collendo como base aqueles actos reivindicativos do nudismo, o protagonista burgués recréanos as súas peripecias amatorias e sexuais dos seus anos mozos: claro que o paso desa mocidade radical á un estadío burgués é o esperado. 

Odiamos un pouco a Toño Figueroa (pouco porque así o quere o autor, xa que crea certa complicidade con este individuo), un home que pertence a unha saga poderosa do país, e sábeo. O seu mundo non é o noso, e as súas memorias non as compartimos. Ofrécenos de cando en vez unha loita moral que semella por veces achegada ao mundo real, ao que pertencemos a maior parte da poboación, e outras unha ética propia do seu mundo aristocrático. El, un máis, será unha persoa sen ningún tipo de problemas económicos, por máis que ás veces poida sufrir por un engano familiar que, creo eu, tampouco lle quita demasiado o soño. Un home que desenvolve a masculinidade tradicional sen ningún tipo de dúbida porque é herdeiro de toda a súa parte social.



17/05/21

Xela quixo ser Ela

 


Cada ano polo Día das Letras temos unha morea de libros que nos falan do autor ou da autora homenaxeada nas Letras. Hoxe quérovos recomendar esta pequena alfaia de Yolanda Castaño, dirixida a que a infancia e adolescencia coñeza a Xela Arias. Coido que non é tarefa doada, pero a autora logra achegarse a esta franxa de idade con precisión, afondando nunha figura tan esencial como é Xela Arias, presentándoa dende a súa propia nenez como ávida lectora e inconformista, como unha muller libre que quixo ser ela, como di o propio título. Abofé que ambas o conseguen.
 
 
E quen mellor para falar do libro que a súa propia autora?

Xela quixo ser Ela está publicado por Xerais.



16/05/21

Eu falo, penso, sinto e bailo en GALEGO!

15/05/21

A poesía do retrato


 A
amiga invisible do instituto, que resultou moi visible, agasalloume este precioso libro de fotografías de Xela Arias, retratos realizados por Xulio Gil acompañados polos seus versos, en formato de gran tamaño. Asemade, podemos ler dous prólogos sobre a autora de Xosé Enrique Acuña e Marga do Val. A poesía do retrato está publicado por Engaiolarte.



14/05/21

Ateneo Atlántico de Vigo, homenaxe a Xela Arias

10/05/21

Intempériome

Primeiro sinxelo do EP "Hasme oír", que sairá á rúa a comezos de abril como homenaxe a Xela Arias, á que se lle dedican este ano as Letras Galega

05/05/21

As pombas de Bastián

 


M
aría Canosa
escribe con extrema sensibilidade As pombas de Bastián, publicado por Xerais con ilustracións de Noemí López. Falamos de sensibilidade, porque Minia, a nosa protagonista, non queda na aparencia e sabe que hai que ir máis alá, que as persoas teñen unha face oculta e non son o que semellan, ou o que a sociedade ve nelas, tan só polo xeito de vestir ou vivir. Por iso, convida ao respecto cara ao diferente. Algo que semella cada vez máis preciso nesta nosa sociedade na que estamos a contemplar indiferentes como ás veces involucionamos para non respectarmos aquilo que por "cortesía social" pode resultar estraño. Tan só se trata de iso: de respectar o diferente. Ollando doutro modo ao que estamos acostumadxs e agardando. Hai un dito que di que "hai que hibernaar a xente para coñecela"; pois si, non nos quedemos en primeiras impresións nin do outro lado da barreira. Compartir soños é posible.



Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.