Que título, non? Pois o libro é coma o título, curioso, e entretido. Resulta unha novela tan insólita na súa estrutura como imaxinativa no seu contido: fai cavilar sobre os gobernos occidentais baseados no poder da imaxe cun humor elegante e incisivo. O mecanismo narrativo elixido subliña o afastamento que esixe o tratamento cómico: non hai narrador nin narración lineal dos acontecementos, senón un pastiche, un mosaico de anacos de diarios persoais, interrogatorios ou o diario de sesións da Cámara dos Comúns; cartas de amor, artigos de xornais, e-mails oficiais ou persoais e entrevistas, conforman un entramado narrativo que dosifica a subxectividade. A descontinuidade temporal e a ausencia da data nalgúns dos textos contribúen á creación dun ambiente de intriga e suspense resolto nun final que non defrauda as expectativas creadas.
E todo isto para un argumento incrible: introducir o salmón no deserto. Porque claro, os cartos todo o poden. Mesmo Al Qaeda terá algo que dicir en todo isto. De fondo, a guerra de Irak. E unha marabillosa paisaxe do deserto que nos transporta novamente.
Un sopro de aire fresco que nos indica que o autor, Paul Torday, debe ser bo coñecedor tanto do Oriente Medio como dos salmóns.
Sen comentarios
Publicar un comentario