Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/09/07

Nontodovanserlibros (III)

Hoxe ímonos adentrar na beira sinfónica e sicodélica do rock. E que mellor maneira de facelo da man da banda máis representativa deste xénero, os británicos Pink Floyd.

Naceron en xullo do ano 1964 sendo os membros orixinais da banda: Syd Barrett, Bob Klose, Richard Wright, Roger Waters e Nick Mason. Nun principio, a banda tiña varias carencias musicais, o que propiciou a saída de Klose quen, ademais, tiña gustos musicais máis achegados ao jazz. O seu abandono deixou un cuarteto máis estábel onde Syd Barrett dominaba a composición influída polo rock psicodélico. En 1968 Barret, por problemas coas drogas, deixa a banda e entra como guitarrista David Gilmour que moi pronto colleu xunto a Waters o rol de líder e compositor do grupo.

Por eses anos, Pink Floyd comenzou a recibir propostas para dedicarse á elaboración de bandas sonoras, pola súa destreza e a complexidade na composición experimental. Este estilo apuntaba a non ancorarse en estereotipos musicais. En 1979 publícase a ópera rock The Wall, concebida principalmente por Roger Waters, que devolveu a Pink Floyd ás listas de éxitos e que actualmente é o terceiro disco máis vendido nos Estados Unidos. Entre outros, o tema "Another Brick in the Wall, Part II", unha crítica á educación infantil, foi número un nas listas e convertiuse nun himno contra o sistema educativo.

Despois da publicación de The Final Cut (1983), os integrantes do grupo separáronse e comezaron unha batalla legal polos dereitos do nome da banda. Mentres Waters desexaba a súa desaparición definitiva, para beneficiar comercial e artisticamente a súa carreira solista, Gilmour quería continuar o traballo co resto de membros. Roger Waters abandonou formalmente Pink Floyd en 1985 co fin de apoiar a súa postura legal respecto á existencia do grupo.

A pesares de que a banda non se separou oficialmente, non publica album de estudo desde o ano 1994. Topdos os seus integrantes publicaron discos en solitario e frecuentemente lánzanse ao mercado discos recopilatorios dos seus grandes éxitos. Algún deles o podes escoitar aquí mesmo.

Discografía Básica


  • A Saucerful of Secrets (1968)
  • The Dark Side of the Moon (1973)
  • Wish You Were Here (1975)
  • The Wall (1973)
  • The Final Cut (1983)
  • The Division Bell (1994)
  • Echoes: The Best of Pink Floyd (2001)


free music

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.