Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/09/07

Nontodovanserlibros (V)

Liderados por Gordon Matthew Sumner, máis coñecido como Sting (nome que significa "avéspora" en inglés, e que deriva dun xersei de rugby a raias amarelas e negras que o baixista sempre levaba posto na súa xuventude), The Police foi un dos conxuntos británicos con maior éxito comercial nos anos 70 e 80 grazas ao seu impetuoso pop-rock enriquecido por algunhas doses de reggae e un talento instrumental e compositivo bastante notábel. O trío, ademais do cantante e baixista Sting, estaba composto polo batería Stewart Copeland e o guitarrista Andy Summers, que xa contaba cun longo percorrido na música rock.

O seu estilo pasou do pop-punk dos seus inicios (Outlandos d´amour) ao reggae blanco que practicaron en Reggatta de Blanc, explotando o seu éxito en todo o mundo co seu LP Zenyatta Mondatta ao que lle seguiría Ghost in the Machine. Remataron a súa carreira cun disco recoñecido pola crítica como unha das súas mellores producións: Synchronicity, na cal se atopa un dos seus temas máis coñecidos: Every Breath You Take. No momento da súa desaparición, era o grupo máis popular e de máis vendas do mundo.

Para conmemorar o 30 aniversario da creación da banda, The Police decidiron volver a xuntarse e están inmersos nunha espectacular xira mundial que comezou o 28 de marzo en Vancouver (Canadá) e que o traerá a Barcelona o vindeiro 27 de setembro. Para todos os nostálxicos deste trío de policías é unha data marcada en vermello no calendario.


Discografía básica
  • Outlandos d'Amour (1978)
  • Reggatta de Blanc (1979)
  • Zenyatta Mondatta (1980)
  • Ghost in the Machine (1981)
  • Synchronicity (1983)

free music

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.