Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/10/07

Non á pena de morte: O mundo decide

A Comisión Europea propuxo ao Parlamento e ao Consello de Ministros da UE un proxecto de declaración conxunta para establecer como Día Europeo contra a Pena de Morte o 10 de outubro da cada ano. Este vénse celebrando dende o 2003, pero a CE pretendía con esta declaración consolidar a iniciativa de organizacións non gubernamentais.
A pena de morte é unha violación do máis fundamental dos dereitos humanos, o dereito á vida. Nada xustifica a pena de morte, sexa ou non considerada como eficaz na loita contra a delincuencia.
Dende 1997 non se rexistra ningún caso de axustizamento en ningún lugar da zona xeográfica que compoñen os 47 países membros do Consello de Europa, e que inclúe aos Estados membros da Unión Europea.
Máis da metade dos países do mundo aboliron a pena da morta na súa lexislación. Pero as cifras de aplicación da pena capital no mundo seguen sendo preocupantes. Non 2006 foron executadas 1591 persoas en 25 países e non menos de 3861 foron condeadas á pena capital en 55 países.
Hoxe en día úsanse sete métodos para esta acabar coa vida dun preso: aforcamento, fusilamento, electrocución, inxección letal, execución por gas, decapitación e lapidación.

Neste mes de outubro de 2007, durante o 62º período de sesións da Asemblea Xeral da ONU, presentouse unha resolución en favor da suspensión mundial das execucións como paso previo á abolición da pena de morte. Espérase que esta resolución conte co respaldo de países de todas as rexións do mundo.
O apoio da Asemblea Xeral da ONU a unha suspensión mundial das execucións suporía un fito notable no logro do obxectivo dun mundo sen pena de morte.
A Coalición Mundial contra a Pena de morte destacará especialmente esta iniciativa no curso do Día Mundial contra a Pena de Morte, que se celebra o 10 de outubro, co lema "No a la pena de muerte: El mundo decide".

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.