Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/07

Nobel de Física

O Nobel de Física premia a tecnoloxía que abreu unha nova era na informática: un descubrimento que abriu unha nova era tecnolóxica e unha pequena revolución na vida cotiá de millóns de persoas. Reprodutores de música MP3 e iPod, ordenadores portátiles ou cámaras dixitais serían hoxe inconcibibles se non se tivese atopado un efecto físico denominado magnetorresistencia xigante, cuxa aplicación tecnolóxica permite ler a información contida nos discos duros, aumentar a súa capacidade de almacenaxe de datos e a miniaturazación, cada vez maior, dos dispositivos electrónicos.
O logro foi posíbel grazas á investigación realizada de xeito independente dos científicos Albert Fert, de Francia, e Peter Grünberg, de Alemaña, aos que onte a Academia das Ciencias de Suecia distinguiu co Premio Nobel. De feito, ningún disco duro moderno podería funcionar sen o achado destes dous físicos.
Para que o efecto da magnetorresistencia xigante se manifeste cómpre utilizar estruturas formadas por diferentes capas metálicas, magnéticas e non magnéticas, de tan só uns átomos de grosor apiladas como un sándwich. Este fenómeno, que en certo modo supón a primeira aplicación real da nanotecnoloxía, a ciencia que está chamada a protagonizar a gran revolución industrial deste século, permite converter pequenos rexistros magnéticos, como os que se utilizan para almacenar información nun disco duro, en correntes eléctricas o bastante significativas, de xeito que os datos gardados, sen apenas ocupar espazo, se poidan despois recuperar e ler sen problemas.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.