Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/07

Doris Lessing: Premio Nobel de Literatura

Vén de ser publicada a noticia que esperabamos: o Premio Nobel de Literatura concédese este ano 2007 a Doris Lessing.
Naceu en Persia (actual Irán) e medrou no sur de Rhodesia (actual Zimbabwe). Trasladouse a Inglaterra en 1949. É autora dunha longa bibliografía que inclúe novelas emblemáticas como
El Cuaderno Dorado (1962), a súa novela máis famosa, convertida nun clásico da literatura feminista polo seu estilo experimental e a súa análise da personalidade, a creatividade e a identidade feminina.
Gran parte da súa obra está baseada na vida cotiá e interior de mulleres sensibles e perceptivas. Entre as súas obras máis notables figuran a pentaloxía titulada Hijos de la violencia (1952-1969), un relato, en gran medida autobiográfico, artellado en torno á personaxe de Martha Quest.
A súa primeira novela, Canta la hierba (1950), está ambientada en África, como tamén a antoloxía de relatos publicada baixo o título de Cuentos africanos (1951). Outras novelas dignas de mención son Instrucciones para un descenso al infierno (1971), El verano antes de la noche (1973), Los matrimonios entre las zonas tres, cuatro y cinco (1980), El experimento sirio (1981), La buena terrorista (1985) e El quinto hijo (1988). En busca de un inglés (1960) é un volume de lembranzas persoais.
Conseguiu ademais os seguintes galardóns: Grinzane Cavour Narrativa (1989), Catalunya (1999), Grinzane Cavour (2001), Príncipe de Asturias (2001).
A súa obra ten moito de autobiografía, inspirándose na súa experiencia africana, na súa infancia, nos seus desenganos sociais e políticos. Os temas céntranse nos conflitos culturais, as inxustizas da desigualdade racial, a contradicción entre a consciencia individual e o ben común. En 1956 prohibíuselle a entrada en toda África do Sur polas súas críticas implacables. En 1995... foi acollida con todos os honores alí.


1 comentario:

IES María Casares dixo...

Moi interesante información. desde aqui felicitamos tamén a Doris Lessing, por boa escritora, progresista e feminista, que escribiu en Inglés, aínda que aqui non aparezan os títulos dos seus libros en Inglés ´(deformación propia do meu oficio)

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.