Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/07

Non á deforestación da Amazonia

Nove organizacións non gubernamentais e o Goberno de Brasil asinaron un acordo nacional para deter a deforestación na Amazonia no ano 2015. O obxectivo da proposta é lograr un compromiso firme entre goberno e sociedade civil para pór en marcha medidas que aseguren a protección urxente da Amazonia.
A proposta, titulada "Pacto para a valorización da selva e a fin da deforestación da Amazonia", amosa que adoptando un sistema de obxectivos anuais de redución pódese deter a deforestación nesta rexión no ano 2015. As progresivas "políticas de colonización" da Amazonia nos últimos séculos son a causa da destrución da selva. Por iso, as organizacións ecoloxistas piden a reorientación das axudas financieiras e que as políticas públicas se destinen á loita para a redución da deforestación desde un enfoque social, ambiental e económico.
A iniciativa combina a posta en marcha de fortes políticas públicas de control sobre a selva con estratexias de mercado para promover un tipo de desenvolvemento que non estea baseado, como até agora, na destrución da Amazonia e que poida financiar o mantemento da selva. O presuposto estímase en 390 millóns de euros procedentes de fondos nacionais e internacionais. O paquete de medidas que propoñen as organizacións non gobernamentais incluiría compensacións ás tribos indíxenas, a poboación tradicional da selva e os produtores rurais.
Até o ano 2006 desapareceu o 17% da selva tropical amazónica de Brasil, o que equivale a unha área maior que a superficie de Francia. As altas taxas de deforestación son a causa dunha acelerada perda de biodiversidade que está a ter un impacto directo no xeito de vida de millóns de persoas que viven dentro da Amazonia. Ademais, a deforestación, sobre todo a que afecta ás rexións tropicais, é a causa dun 20% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro. Máis do 75% das emisións brasileiras proceden da conversión de terras e deforestación, principalmente na Amazonia, o que fai a este país o cuarto maios emisor do mundo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.