A explotación dos nenos, unanimemente reprobada pero estendida en todo o mundo, é un dos trazos característicos da nosa época. No século XXI, esta situación contra natura é máis tráxica ca nunca: sométeselles a traballos forzados ou precoces, son vendidos e comprados como escravos, prostituídos, empregados con fins pornográficos, utilizados como soldados polos exércitos e movementos guerrilleiros, e como descoideros, sentinelas, recadeiros ou matóns polas confrarías do crime organizado; sofren encerros, abandono, mutilacións para dedicalos á mendicidade, tráfico de órganos, execucións extraxudiciais... a nada disto foxen os nenos.
Preto de trescentos millóns de nenos padecen diariamente estas innobres humillacións, acompañadas de maltratos físicos, psíquicos e morais indescritibeis. Os abusos criminais que sofren como resultado da explotación manifestan non só a violación dos dereitos fundamentais de todo ser humano, e con maior razón dos nenos, senón tamén a violación sistemática, coa máis absoluta impunidade, das lexislacións nacionais e as normas definidas polos convenios internacionais.
Resulta difícil crer que aínda existen miles de nenos que morren cada día por malnutrición ou por problemas básicos sanitarios? Os datos son alarmantes: catros millóns de recén nados morren antes de cumprir un mes de vida; entre 250000 e medio millón de xente nova perden a vista por carecer de vitamina A, e a diarrea, a malaria e as infeccións respiratorias son as causas principais de morte dos menores que viven nos países en vías de desenvolvemento. Pero isto non só ocorre nos países do Terceiro Mundo; nos países ricos son cada vez máis os nenos que viven na rúa a causa da pobreza, o abandono ou a desestruturación familiar.
En España, un 24,3% dos nenos menores de quince anos viven en situacións precarias. Quizais aínda máis preocupante é o aumento de malos tratos. No ano 2005 rexistráronse máis do dobre de casos que no 2005, 2960, concretamente.
En 1954 a Asemblea Xeral recomendou que todos os países instituíran o
Día Universal do Neno, data que se adicaría á fraternidade e á comprensión entre os nenos do mundo enteiro e destinaríase a actividades propias para promover o benestar dos nenos do mundo. A asemblea suxeriu aos gobernos que se celebrase o Día na data que cada un deles estimase máis conveniente. O día 20 de novembro marca a data en que a Asemblea aprobou a
Declaración dos Dereitos do Neno en 1959 e a
Convención sobre os Dereitos do Neno en 1989.
En setembro do ano 2000, durante o Cumio do Milenio, os líderes mundiais elaboraron os oito
obxectivos de desenvolvemento do Milenio (ODM), que abarcan dende a redución á metade da pobreza estrema até a detención da propagación da VIH/SIDA e a consecuión do ensino primario universal para o ano 2015. Aínda que os obxectivos do Milenio están dirixidos a toda a humanidade, refírense principalmente á infancia, concretamente seis dos oito obxectivos, e a realización dos dous últimos traerá melloras fundamentais ás vidas dos nenos e nenas.
Sen comentarios
Publicar un comentario