Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/12/07

Chocolata

Chocolata é unha historia escrita por Marisa Núñez (Sarria, 1961), galardoada co Primeiro Premio Internacional do Libro Infantil que outorga a Fundación Espace Enfants de Suiza. O texto está ilustrado pola artista austríaca Helga Bansch. É a primeira autora da península en gañar este premio.
Chocolata toma o seu baño diario na lagoa. Un día escoita que na cidade hai unha casa de baños, e sae de viaxe coa intención de probala. Ao chegar á capital, Chocolata fai unha rápida incursión nos hábitos urbanos máis tópicos, actuais e recoñocibles desde a mirada infantil, e experimenta outro estilo de vida.
A ilustración, con inspiración africana, é alegre e colorista; expresa con maestría diferentes perfís humanos a través dos animais da selva, e reflicte o humor e optimismo da narración; pero ademais, Helga Bansch enriquece o relato creando personaxes que conduce habilmente a través das páxinas, para darlle un sentido máis amplo á viaxe de Chocolata, que o lector deberá descubrir a través da lectura de imaxes.
Un relato sobre as ilusións, os desexos, a amizade, a importancia da experiencia e o valor do que temos moi perto.
Un álbum non que o texto e a ilustración xogan a complementarse de tal xeito que unha lectura sen imaxes nos evocaría unha historia diferente.



A man da artista logra expresión, significado, emocións. Non vos parece que ao mirar esta imaxe vemos a emoción da lectura, a felicidade da amizade compartíndoa?

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.