Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

24/04/09

Vals con Bashir

Encantoume esta novela gráfica. Curiosamente, a historia deste libro é xusto ao revés do que adoita suceder normalmente na industria cinematográfica; neste caso, primeiro realizouse o filme e logo a adaptación ao papel. Aínda non tiven oportunidade de ver a película: máis ganas teño aínda despois de ler o cómic. É unha auténtica pasada.
Vals con Bashir de Ari Folman e David Polonsky publicado pola editorial Salamandra -cantos acertos os desta editorial!- denuncia a brutalidade e a inxustiza da guerra: iso que precisamente nos comentaba Murado antonte; as guerras non sacan nada bo das persoas, só o ruín que levamos máis dentro. E o xeito de denunciar todo isto é mediante a tentativa de recuperación da memoria do protagonista, quen non lembra as atrocidades das que foi testemuña porque a nosa mente ten un mecanismo de autodefensa. E aquí vemos como a amnesia colectiva debe ir mutilándose ata enfrontar a dura realidade da guerra.
Unha lectura boísima, sinceramente, que dá que pensar sobre o sensentido das guerras. Altamente recomendable.
Novamente, deixo o tráiler da película. Como os nosos cines non nos deron a oportunidade de vela en pantalla grande, a ver se podemos alugala. A música creo que é unha boa elección nela:



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.